«Este é o meu testamento, un servicio máis á causa»

Carlos Punzón
C. Punzón VIGO

VIGO

XULIO VILLARINO

Alonso Montero non ve tan difícil que o domingo EU consiga entrar no Concello e incluso ser o novo titular de Cultura

22 may 2003 . Actualizado a las 07:00 h.

Antes pechaba as candidaturas electorais do PCE ou de Esquerda Unida para dar conta do seu compromiso. Agora quer facelo dando un paso máis e por iso aceptou ocupar o segundo posto da lista de EU que, confía, logre ter representación na nova corporación, e que incluso o leve a el ó Concello, onde lle gostaría ser o novo concelleiro de Cultura e prestar así o derradeiro servicio, di el, á esquerda e á cultura. -¿Por que intensifica agora a súa implicación con EU? -Teño 74 anos e medio e pretendo escribir o meu testamento político cun servicio máis a causa da esquerda poñendo o meu tempo e algo de diñeiro en favor da única forza de esquerdas que existe en Galicia e España. Entre eu no Concello ou non, temos que defender o noso xeito de interpretar o mundo dende o poder, e por iso fago ese pequeno sacrificio. -¿Pero entra dentro dos seus plans ser de verdade concelleiro? -Se teño que ser, o serei, e me gostaría selo de Cultura. Non para facer edificios nobres ou custosos que non implican que neles se vaia a facer cultura. Me gostaría algo máis modesto como contribuír a facer crecer o edificio da crítica e intelixencia colectiva. -¿Tería que aparcar a súa producción literaria? Teño tres libros comezados, as miñas obras selectas, pero renunciaría ás obras máis importantes da miña vida para servir á causa. Un marxista coma eu non podería optar pola individualidade por moi importante que resulte, como é o caso. -¿Ó final sempre resulta que Izquierda Unida ten máis simpatías que votos? -Creo que en Vigo esta vez sí que o lograremos. Mínimo o cabeza de lista estará no Concello pero, como dicía o meu pai, non son santo nin anxo, non son profeta, aínda que no meu último libro fale do derrocamento de Lula no Brasil polo capitalismo no ano 2028. -¿Moléstalle que metan medo co de que veñen os roxos? -Chamar comunista a un é un piropo. Se o fan por insultar non o logran.