Castelao, en longametraxe

REDACCIÓN VIGO

VIGO

O documental sobre o escritor galeguista serve de escusa para percorrer a etapa histórica que lle tocou vivir A data da pre-estrea do documental «Castelao e os irmáns da liberdade» non foi casual. Tal día como onte hai 65 anos os galegos participaban no referendum sobre o Estatuto de Autonomía de Galicia. E tal día como onte escolleuse para a primeira proxección pública dunha longametraxe sobre Daniel Alfonso Castelao. «Castelao e ós irmáns da liberdade» non é só unha biografía do galeguista, senón tamén un mosaico histórico da época que lle tocou vivir: da II República, da Guerra Civil e do exilio.

28 jun 2001 . Actualizado a las 07:00 h.

Ata o Auditorio Caixanova de Vigo achegáronse onte, entre outros, o presidente da Fundación Castelao, Avelino Pousa; o catedrático e ex membro do Partido Galeguista Xaime Illa Couto; o xornalista Raimundo García Rodríguez «Borobó» ou o fillo do represaliado Alexandre Bóveda, Xosé Luis Bóveda. Aínda que asistiron como espectadores, eles tamén tomaron parte no documental que se pre-estreou onte, xa que as súas son algunhas das numerosas testemuñas sobre a personalidade do escritor e político de Rianxo que recolle Castelao e os irmáns da liberdade. Trinta entrevistas En concreto, a longametraxe dirixida por Xan Leira inclúe ata trinta entrevistas que aportan diferentes perspectivas sobre a figura do histórico galeguista. «Non é unha película sectaria porque os entrevistados son persoas de distinta orixe política -explicaba Leira antes da proxección da longametraxe-. Nese senso, tentamos facer un traballo moi respetuoso».