«Come a comarca» achegarase o vindeiro martes a Terra de Melide

La Voz REDACCIÓN / LA VOZ

TELEVISIÓN

28 jun 2020 . Actualizado a las 05:00 h.

O programa Come a comarca chegará o vindeiro martes a Terra de Melide, onde os concursantes se familiarizarán coa súa gastronomía e cos pratos máis típicos da zona a aprenderán a preparalos para poder conseguir unha nova vitoria.

O menú seleccionado para esa noite estará composto por cazoliña de polbo con cogomelos e gambóns, bacallau á galega e ricos con mousse de queixo. Pedro Coego, do Recuncho do Convento, en Melide, será o cociñeiro infiltrado e encargado de guiar aos concursantes pola gastronomía desta zona.

Cada martes, no concurso culinario Come a comarca, cinco cociñeiros afeccionados viaxan a cada unha das comarcas galegas para coñecer os seus pratos típicos e para enfrontarse aos mellores profesionais de cada zona preparando as receitas nas que estes últimos son grandes especialistas.

«Concurso-reality»

Este concurso-reality gastronómico, que emite Televisión de Galicia, está presentado por Fran Cañotas e dirixido por Edu Lavandeira (director do programa Buscadores de naufraxios, gañador do Mestre Mateo 2019 ao mellor programa de televisión).

A primeira temporada que está actualmente en emisión consta de trece capítulos, en cada un dos cales o equipo de cociñeiros do programa se enfronta a un equipo de chefs diferente cada semana.

O gran duelo de cada emisión enfronta aos dous equipos na tarefa de elaborar as receitas tradicionais típicas da zona visitada. Os pratos preparados por ambos equipos son catados e xulgados ao final nunha gran comida na que participan familiares e veciños.

Ata o momento, o equipo dos cinco cociñeiros afeccionados leva conseguidas dúas vitorias consecutivas sobre os diferentes equipos da comarca.