Monti Castiñeiras: «Eu tamén son un "serramourer" máis»

b. p. l. REDACCIÓN / LA VOZ

TELEVISIÓN

PACO RODRÍGUEZ

O actor goza co cambio de rexistro do seu personaxe

15 oct 2017 . Actualizado a las 05:00 h.

Santos, o home máis implacable de Serramoura, sucumbiu ao amor e Monti Castiñeiras, o actor que o interpreta, goza co cambio de rexistro do seu personaxe. Agora que a súa amante foi secuestrada, a súa ira promete estremecer a vila máis convulsa da TVG.

-O namoramento de Santos foi unha sorpresa para os seguidores de «Serramoura». Incluso os malos teñen o seu corazón...

-O que sorprendeu do meu personaxe é que amosou unha faceta que non se lle vira antes, amosou as súas debilidades. Parecía un tipo moi duro ata que ocorreu o que ocorreu por culpa do amor e nada menos que cunha garda civil. A situación descolocouno a el e tamén aos seus veciños. Agora que ela foi secuestrada, Santos lévao moi mal e fará todo o posible por atopala. A temporada pasada rematou con moita tensión.

-Unha parella peculiar para alguén que viviu sempre á marxe da lei.

-É unha parella que lles ven moi ben aos dous, porque son moi parecidos e por iso se namoran. A tenente Rivas é como Santos en muller. Pero o destino fixo que ela caese do lado da lei e Santos, do outro lado.

-¿Sorprendeulle como actor o cambio de rexistro?

-Iso é marabilloso, porque cantos máis matices e arestas teña un personaxe máis divertido é de facer. Como intérprete esíxeche máis e evita o risco de acomodarse. Estes cambios son fabulosos para o actor, para a historia e tamén para o público. Un dos grandes méritos que ten esta serie é que con tantos capítulos como levamos a tensión nunca decaeu.

-Polo que se ve na promoción, non parece que a tensión vaia ir a menos.

-Admiro aos guionistas porque é moi difícil manter esa atención durante tantos capítulos. O tráiler reflicte moi ben o que vai ser esta temporada. Non vai baixar a tensión. O meu personaxe vai seguir tendo cambios e sorprendendo. E a tenente Rivas, tamén.

-«Serramoura» voltará aos «trending topic» esta noite. ¿Gústalle interactuar cos seguidores nas redes sociais?

-Gústame moito. É fantástico poder ter esa oportunidade de ver que gusta, porque a meirande parte das críticas son boas. E ademais gústame a serie, porque eu tamén son un serramourer máis e vou estar diante da tele. Non todas as series te enganchan so polo feito de traballar nelas, pero a min esta enganchoume, como Matalobos no seu día.