O actor asegura que o seu personaxe «está en todas as salsas»
17 dic 2012 . Actualizado a las 07:00 h.Antonio Durán, Morris, é un especialista en personaxes de longa duración. Agora lidia con Delmiro, alcalde de Louredo, ateo convencido e gran rival de todos os párrocos.
-¿Este Delmiro é o mesmo Delmiro de sempre?
-Nas cousas fundamentais non cambia. Aínda que cos anos váiselle notando o corazón que ten. Cando hai problemas escolle sempre o lado humano. Pero é un personaxe moi cómico, anda en todas as salsas e cambia bastante dun capítulo a outro.
-¿Eses cambios son un problema para o actor?
-Hai que medir ben o personaxe porque cos cambios é fácil que en lugar de utilizar o punto de vista do personaxe utilice o meu propio. Se te pasas podes romper o personaxe.
-¿Ten medo a encasillarse con Delmiro?
-É perigoso acomodarse ou que o cansanzo provoque que perdas a inocencia do personaxe. Pero a gran vantaxe de Padre Casares é que hai moita complicidade no reparto e pasámolo todos moi ben. Por outro lado teño sorte e vou facendo cousas distintas e a chave para non encasillarse é poder facer outros papeis.
-¿Como responde o público ao seu personaxe?
-No principio chocáballes máis. Agora a xente anima máis a que se meta cos cregos e tamén me din moito por que non me presento eu ás eleccións, que non o había facer peor que os que están gobernando.