«En 'Matalobos' teño que ter un control de todas as tramas»

Jesús Flores Lojo
Jesús flores REDACCIÓN / LA VOZ

TELEVISIÓN

O veterano actor destaca a evolución dos personaxes nesta temporada

25 oct 2011 . Actualizado a las 06:00 h.

En só tres capítulos, os primeiros da nova temporada de Matalobos que TVG vén emitindo os martes, cun share superior ao 16 %, o tipo máis malvado de Sardiñeira xa ten contra as cordas ao líder mafioso da localidade, Mateo Veloso. Carmelo Matalobos deixou claro que os cinco anos na cadea fixérono aínda máis forte e que recuperar o control perdido é tan só unha cuestión de tempo. Luís Iglesia, actor que interpreta ao protagonista da serie que produce Voz Audiovisual, fala sobre este personaxe, odiado e amado a partes iguais polos telespectadores. As súas decisións son, en realidade, partidas de xadrez que debuxa na súa cabeza.

-Carmelo tivo moito tempo para pensar na cadea: semella que nos agardan tramas sorprendentes...

-[Ri] Cinco anos dan para moito. Carmelo é agora máis perigoso, ten pouco que perder e moito que gañar. Ademais, vaise amosar moito máis reflexivo, non quere caer nos erros do pasado, os que o levaron diante da Xustiza e que acabaron con el no cárcere, por golpear brutalmente a súa muller.

-Os distintos directores que traballaron con vostede na serie din que ten na súa cabeza unha idea moi precisa non só do seu personaxe, senón tamén do resto das tramas, que estuda a fondo o guión e non ten reparos en facer as súas aportacións.

-É a miña forma de facer as cousas, o que non quere dicir que sexa mellor ou peor que outros métodos de traballo. Ademais, Carmelo é o motor da serie, o detonante de todas as tramas, polo que, como actor debo ter un control absoluto do que hai ao meu redor. En certo modo, tamén porque non quero deixar vendidos aos meus compañeiros, porque quero apoiar co meu esforzo as súas interpretacións.

-Esa mirada, ese sorriso... vostede ten moi interiorizado o universo de Carmelo Matalobos.

-Trato constantemente de poñerme na pel do meu personaxe: teño a letra, que me ven dada polo guión, pero hai que poñer a música, mesmo facendo innovacións. Por exemplo, fun engadindo certas doses de humor en Carmelo que acabaron por introducirse no guión. Estou moi feliz por comprobar que, nesta serie, o traballo en equipo fixo boas aportacións.

-A serie mostra nesta terceira temporada moita madurez.

-Pode dicirse que si hai unha evolución importante en case todos os personaxes, especialmente nos que desenvolven tramas policiais, como Santiago Táboas (Antonio Mourelos), e tamén un cambio substancial noutros, como o de María Mera, que fai de Vanessa Viaño. Aparte diso, non podemos esquecer o innovador e audaz traballo que Toño López fixo como un dos directores, coa guinda posta por Jorge Saavedra.

-«Matalobos» é como una escola de perfeccionamento para o audiovisual galego...

-E cando traballamos en Madrid [Iglesia roda agora a serie 2055] moitos sorpréndense da profesionalidade da nosa xente. Aquí estamos acostumados a traballar con medios escasos, comparados cos que teñen eles, e a rodar en tempos máis apertados. De modo que cando melloran estas condicións, a nosa solvencia é maior, tanto en actuación como nos aspectos técnicos ou de dirección. Recordo que, na rodaxe de Piratas, alguén dicíame sobre Luísa Merelas (Dona Carme en Matalobos) «¡que gran actriz!». E eu dicíalles que Luísa leva 25 anos actuando e ten moitas táboas.

Luís iglesia actor

«Carmelo é un tipo agora máis reflexivo, pero tamén moi perigoso»