Entrevista | Iria Pinheiro Actriz, cantante e agora presentadora dun concurso de verán que busca polas vilas novos talentos da canción e da interpretación
21 ago 2006 . Actualizado a las 07:00 h.Moita xente non a coñecía ata que comezou a presentar Supermáster pero Iria Pinheiro leva tempo na TVG. A actriz representou diferentes personaxes en Zapping Comando, Máxima audiencia e Lúar. -Neste traballo non leva disfrace, ¿poderían 'encasillala'? -Non. Aínda que estou no momento verbena se ve o meu carácter, ou iso din, vese que podería facer cousas serias. -¿Por que funciona «Supermáster»? -A hora de emisión é moi boa e dura pouquiño, media hora. É un programa moi de verán, poden cantar na casa e ao ser un concurso engancha máis. -¿Como cantan os galegos? -Entoan (risas). En Galicia hai tradición cantareira. Hai tres persoas que, para ser autodidactas, son fantásticas. Pero o importante non é só cantar senón atreverse, os participantes teñen arruallo para moverse polo escenario. -¿Que aspiracións teñen os concursantes? -Hai persoas que veñen por probar pero penso que programas como Operación Triunfo fixeron moito dano porque agora a xente pensa que poden vivir disto. En Galicia é diferente, aquí non hai apoios nin discográficas que aposten por eles como se fosen unha Chenoa. Ou se moven pola súa conta ou nada. E aínda así... -¿Como é o público? -Hai moita complicidade, responde moi ben, amosando cariño. Para min é coma un directo, parecido ao cabaré que fago polos bares. Un teclista e eu queriamos facer jazz en galego e creamos Jas de Confianza, un rollo dos anos corenta moi berlinesco con temas propios e moi de aquí (as subvencións, os incendios...). É un espectáculo cómico, pero moi realista. -Despois de dous meses polas vilas galegas, terá moitas anécdotas. -Ás veces me perdo polas estradas de volta a casa, á unha ou dúas da mañá (risas). O mellor son os Entoados. En Cambados pasoume unha... pactouse que saíra un home do público e o final saíu outro un pouco entoado de máis, paseino fatal, dicíame que lle gustaba o meu tanga. Cando vin o percal, con moitísimo humor boteino fóra do programa. Foi un mal momento porque ao final, na tele búscase o espectáculo como sexa, pero a que estou enriba do escenario son eu. -Se puidese elixir, ¿que lle gustaría facer agora? -O meu é ser actriz pero gustoume o contacto coa televisión, podería facer outros rexistros máis formais. Isto é unha lea na que me metín este verán e eu quedei máis nos oitenta [risas]. Gustaríame algo máis creativo, que ofreza algo ao espectador, no só festa por festa. Cambiaría moitas cousas deste programa, faría algo menos agresivo, no sentido de competitividade. Actualmente, todo é como unha pílula efervescente: de súpeto todo arriba e logo nada. Aínda que tamén se fan cousas moi boas na televisión coma Miraxes ou Planeta cine. -¿Séntese afortunada? -Si, por completo, é bonito que aposten por ti. Dende Zapping comando foi un traballo tras doutro. Levaba moitos anos facendo castings e agora chámante, dinte que vales. Antes, pasaba os veranos coas curtas (fixen unha morea delas) e co meu cabaré polos bares, agora vou facer unha peli. Días felices, un verán azul [risas]. -¿«Supermáster» funcionaría no inverno? -Creo que si, pero en interiores por favor (risas), andamos con frío e con protección solar e as bailarinas nin te conto, como pillen unha gargantada...