O CDG presenta etapa buscando a complicidade dos espectadores

Camilo Franco SANTIAGO

TELEVISIÓN

Ánxeles Cuña deu a coñecer unha programación con catro obras e actividades continuas A directora asegura que esta primeira temporada é un adianto dos próximos catro anos

14 ene 2006 . Actualizado a las 06:00 h.

Se o teatro fose unha metáfora, a nova etapa do Centro Dramático Galego, presentada onte en sociedade, andaría sobrada de argumentos para encontrar a complicidade dos públicos. Ánxeles Cuña, co apoio da conselleira de Cultura, Ánxela Bugallo, máis Luis Bará, director xeral de Creación e Difusión Cultural, deu a coñecer as catro primeiras montaxes dun proxecto que está pensado para «os próximos catro anos» e que, entre outras cousas, quere encontrarse co público «como cómplice da cerimonia única». A directora do Centro Dramático Galego propuxo, no principio da súa intervención, un «cambio radical» despois de ter apreciado unha realidade cun «mapa de liñas desdebuxadas e confusas». Cuña indicou que para evitar a desestruturación é mellor «non idear accións illadas». Neste sentido, indicou que a programación deste ano abriría liñas que axuden a «deixar de ser illas e transformarnos en arquipélagos». Para «reconstruír a casa», Cuña indicou a necesidade de pintar un novo mapa no que o primeiro que hai que facer «é pensar no espectador». Coa intención de seducir, os primeiros proxectos escénicos irán acompañados de actividades «para que o teatro dea a medida do pobo». Ademais das catro primeiras montaxes, o CDG porá en marcha os ciclos estacionais. O primeiro deles será o Mes violeta , que terá lugar en marzo e estará dedicado a mulleres xa desaparecidas. Os seguintes ciclos serán Facer memoria , Valle-Inclán e Culturas afíns . Cuña engadiu que se apoiará a escrita dramática galega, entre outras cousas, coa creación dun laboratorio permanente de dramaturxia e que o Salón Teatro contará cunha programación estable na que terá especial protagonismo a escena lusófona e o teatro iberoamericano.