«Os refráns e os ditos foron un dos problemas da tradución»

Camilo Franco SANTIAGO

TELEVISIÓN

Valentín Arias encabezou a principios dos anos noventa un equipo de catro tradutores que decidiu facer unha versión do «Quixote» «o máis pegada posible ao orixinal»

06 sep 2005 . Actualizado a las 07:00 h.

?oitas mans e moitos ollos participaron na tradución de Don Quixote ao galego. En varios sentidos era unha asignatura pendente poder ler en galego un dos libros chave da literatura universal. Valentín Arias recibiu en 1990 a encarga de facer a tradución e decidiu organizar un equipo para acometer este traballo. -Ese foi un dos problemas que miramos a fondo. Fixemos varias reunións e fomos establecendo uns criterios de tradución que evitasen que as catro parte nas que dividimos a obra para ser traducida ofrecesen evidentes diferenzas ao lector. Logo fixemos un traballo de corrección moi grande, tamén para evitar esas diferenzas. -Pero una tradución dunha obra tan coñecida ofrecería máis problemas. -Una das cousas que nos preocuparon máis cando comezamos a traballar era a gran cantidade de refráns e frases feitas que utilizou Cervantes ao longo de toda a obra. A decisión que se tomou foi a de buscar na tradición galega aqueles ditos que tivesen a mesma intención aínda que literalmente non supuxesen a mesma tradución. Nalgúns casos había proximidade, mesmo hai ditos que se poden considerar compartidos e o traballo resultou máis fácil. -Don Quixote é tamén unha obra da que a xente tomou frases feitas. -Neses casos, como en case todos os demais, o criterio da tradución era seguir o máis de cerca posible ao orixinal porque é verdade que este é un libro do que todo o mundo sabe algo aínda que non o teña lido. -¿E cal foi a obra de referencia que utilizaron? -Nos anos noventa aínda non se publicara esta que editou o Instituto Cervantes e que se ten como canónica. Naquel momento utilizamos varias. A fundamental era unha de Gredos que daquela se daba como a máis rigorosa. Logo, tamén seguimos traducións a outras linguas: francés, inglés e portugués, para orientarnos sobre os criterios que se seguían para outras linguas. Ese traballo de comparación serve para facer contraste e para axudarse en nalgunhas escollas. Agora que hai unha edición que parece ser moito máis canónica, quizais ese traballo non sería tan necesario e, sen embargo, abre algunhas posibilidades. Nese catálogo de referencias que utilizamos tamén se consultaron a versión máis antiga e a máis moderna do libro. Foi un traballo, neste sentido, con moitas referencias. -Tamén optaron por non incorporar moito aparato crítico. -Non quixemos liar aos lectores nunha sucesión de notas, entre outras cousas porque a edición que se ía facer coa tradución non tiña esa intención. En calquera caso, entre os criterios que nos fixamos estaban os de alixeirar de notas a tradución porque fan máis lenta a lectura. Algunhas incorporamos para explicar situacións que no propio texto non quedan claras. -¿Como se fixo o equipo de tradución? -No inicio dos noventa, Raúl Seoane, da editorial Xuntanza, decidiu facer unha edición limitada, moi coidada do Quixote en galego. Falou comigo inicialmente porque eu presidía naquela altura a Asociación de Galega de Tradutores. Eu falei entón con Antonio Palacios, Xabier Senín, coa miña filla, Xela Arias, e entre os catro formamos o núcleo de traballo. Repartimos o libro en catro partes e fixamos os criterios que teríamos que seguir para que non se nos fose a homoxeneidade. -Tamén está a cuestión da linguaxe antiga, das formas de falar. -Cando se fan traducións fanse para un idioma determinado nun momento determinado. Na tradución de Don Quixote buscamos un equilibrio tendo en conta o libro, o seu carácter, pero tamén a necesidade de facelo comprensible para un lector de hoxe. Tentamos evitar as sintaxes violentas, non desvirtuar a súa orixe pero tamén facer máis fácil unha lectura actual do texto, máis accesible para un público amplo, desde os nenos ata os vellos, buscamos un equilibrio entre todas as opcións.