Entrevista | Carlos Freire Cordeiro O xove autor define «Acio sanguento», que se publicará en La Voz ao longo dos 31 días de agosto, como «unha novela de xénero policial clásica e pura»
15 jul 2005 . Actualizado a las 07:00 h.Carlos Freire (Moaña, 1970) leva toda unha vida escribindo contos, relatos e mesmo unha novela, pulindo os textos e gardándoos nun caixón. Desde que deixou o instituto, non se presentou a ningún concurso nin intentou publicar as súas obras ata que rematou Acio sanguent o, un título que rende homenaxe a Colleita vermell a, de Dashiell Hammett . A obra gañou este xoves o Premio de Novela por Entregas de La Voz de Galicia, no que tamén quedaron finalistas Xosé Carlos Caneiro, Pablo Roibás e Santiago González. Este autor, licenciado en Filosofía e Máster en Medios de Comunicación de La Voz, dedicouse durante un tempo ao periodismo, profesión que abandonou para consagrarse a escribir, facer crítica literaria e ler todo o posible. «Sempre penso que aínda non lin o suficiente», afirma esta nova incorporación ao panorama literario galego. -¿Como leva iso de dedicarse só a escribir, sen outro traballo alternativo? -Moi mal. Identifícome plenamente co personaxe do escritor da película Entre copas, porque iso é o que lle pasa a moitísimos autores que dedican a súa vida a escribir pero non son capaces de que a súa novela se publique. Ata agora sentíame fatal, sobre todo despois de deixar o periodismo, porque estaba vivindo dos demais. Pero eu cría que o podía facer moi ben e estaba case no límite do prazo que me dera para intentalo. Cando rematei esta novela quedei moi contento, porque vía que esta si valía e tamén o pensaba a miña muller, na que confío plenamente porque é a mellor lectora do mundo e moi crítica. -Así que é a primeira vez que escribir lle proporciona algún beneficio... -O bonito que ten este premio tan especial non son só os cartos, senón que chegas a moita xente á que nunca chegarías cun libro. Iso é moi importante para un autor. E os cartos serven, sobre todo, para tranquilizar á familia. -¿Como é esta novela que tan satisfeito o deixou? -É unha novela de xénero policial clásica e pura sobre un inspector de policía que ten que investigar un crime misterioso e bastante sanguento. O que vai descubrindo son segredos e mentiras que os protagonistas ocultaban. É unha obra cunha boa estrutura na que tamén hai unha historia de amor. -¿Como lle afectou a obrigada limitación de espazo? -Tiven que eliminar algunhas escenas que creo que poderían redondear a obra. Tamén lle dei máis rapidez, pero sen esquecer facer descricións, meter diálogos, ocuparme dos personaxes ou introducir a cuestión psicolóxica. -O xurado comparou ao seu inspector co Maigret de Simenon. ¿Foi unha inspiración? -Son un gran seguidor do xénero, de Simenon, P.D. James, Dashiell Hammett... Incluso Lorenzo Silva paréceme moi bo. Outra novela que me marcou moito foi Tren nocturno , de Martin Amis.