O 66% da poboación urbana galega ten o galego como idioma básico Despois de 21 anos de autonomía, o Goberno galego presenta un plan consensuado.
22 ene 2005 . Actualizado a las 06:00 h.O galego, o idioma galego, ten boa saúde. Unha lingua pequena e minoritaria segue a ser, aínda hoxe, maioritaria para o 66% da poboación urbana de Galicia, a que habita en núcleos de poboación de máis de 10.000 habitantes. Pero hai unha ameaza evidente: os mozos non falan galego, aínda que estúdano e coñéceno como nunca se produciu en ningunha época histórica coñecida de Galicia. Así o recoñeceu onte o conselleiro de Educación, Celso Currás, quen asumiu o postulado básico do galeguismo: «A lingua é o noso sinal de identidade». O conselleiro do PP -partido político da dereita conservadora- presentou onte en Santiago o Plan Xeral de Normalización da Lingua Galega, un documento técnico que conta co apoio unánime dos tres partidos maioritarios en Galicia: a dereita do PP, a socialdemocracia do PSOE e o nacionalismo de amplo espectro do BNG. Para o profesor e experto en linguas minoritarias, o catalán Miguel Siguán Soler, «é unha das condicións básicas necesarias para a supervivencia dunha lingua». O conselleiro Celso Currás non dubidou en afirmar que «hoxe é un día grande para todos os galegos», e mesmo tivo palabras de recordo para o galeguista Sixto Seco, recentemente falecido. Currás fixo un percorrido histórico da lingua, desde os tempos áureos da Idade Media, cando o galego era língua culta, ben vista e utilizada polas élites do momento -mesmo por trovadores e reis, como Afonso X- ata os anos escuros que levaron ao rexurdimento do XIX, un movemento de rexeneración dunha lingua acomplexada e refuxiada nos ámbitos rurais. O conselleiro de Educación destacou que se trata dun plan consensuado «polas principais forzas políticas e sociais, e no que tecnicamente interviron de maneira directa máis de 70 profesionais». De feito, este plan foi aprobado por unamidade de todas as forzas políticas no Parlamento galego xa no pasado mes de setembro. Diante dun auditorio de máis de douscentos profesionais, Manuel González, director técnico do plan, afirmou que se trata de «garantir o noso futuro como pobo e como persoas». Currás foi máis ambicioso: «É un plan audaz» pois, segundo dixo, a lingua galega encóntrase «nun momento inmellorable» para poñer en práctica este plan. Primeiro, porque, segundo os datos máis recentes do Mapa Sociolingüístico de Galicia, o 87% dos cidadáns falan ou poden falar o galego habitualmente. E segundo, porque a mundialización obriga a activar novos axentes de normalización «para que o galego adquira máis funcións sociais e maiores espazos de uso».