«A actuación só é un xogo»

Sara Carreira Piñeiro
Sara Carreira REDACCIÓN

TELEVISIÓN

Ana Santos é unha actriz que leva vinte anos no espectáculo aínda que fíxose coñecida para o gran público como Pitusa de «Mareas vivas» e agora en «As leis de Celavella»

21 feb 2004 . Actualizado a las 06:00 h.

Ana Santos é mazaricana, aínda que leva moitos anos vivindo moi preto da Coruña, en Oleiros. Ela fíxose famosa para o público galego da man de Mareas vivas, onde facía de Pitusa, unha funcionaria do xulgado moi recta e seria que, vaia por deus, foise a namorar do maior trapalleiro do pobo, Currás. Agoa en As leis de Celavella fai de Leocadia, un papel ás veces parecido ó anterior. -Hai un adxectivo que define a Leocadia: disposta. É unha muller moi disposta, tamén é fachendosa, resabida e somentes ten ansia de si mesma, do seu home e do seu fillo, que ve como unha parte dela, e gusta gobernalos. Tamén é cotilla, se distrae con contos dos demais, aínda que non é considerada co resto. -Mezquina, vamos... -Non, eu penso que mezquina non. É unha muller que vale moito, ten moita capacidade de decisión e mira polos seus intereses, pero non chega a ser mezquina. Non disfruta facendo dano ós demais, aínda que non lle importa o dano que estes teñan. Non sei, para ter o papel que ten ela fai falla certo carisma, certa valía. -Me estou a acordar doutro papel seu moi importante, o de Pitusa en «Mareas vivas», que era así. -En Pitusa houbo tres estadíos: o principio era recta, amargada pero despois se enamora de Currás e vólvese máis condescendente, e cando Currás morre dase conta do valor da vida, e hereda del ese contrapunto seu. -E Leocadia, ¿tamén a vamos ver evolucionar? -Non aínda, non lle pasaron tantas cousas como para cambiar. Ademais, penso que o de Leocadia é aquelo de xenio e figura ata a sepultura (risas). Nestos primeiros capítulos si vaise ver unha Leocadia diferente, pero non porque evolucione, senón porque vai amosar unha parte de si que normalmente non enseña. -¿Que pensa que aporta «As leis de Celavella» á televisión de hoxe en día? -Eu penso que a xente que a ve cuestiónase cousas, e frente á televisión ninguén se cuestiona nada. Non é unha serie que pase inadvertida para quenes a ven. -E vostede, ¿ten moito de Leocadia ou de Pitusa? -A miña nai, cando veu o primeiro capítulo, me dixo: «¡Ai! A muller é disposta, non se parece nada a ti» (Ana ri). Todos somos un pouco de todo, a verdade, e eu teño moito carácter, moita personalidade, pero non teño esa disposición, nin a metade nin a cuarta parte, eu son pacífica e deixo que as cousas ocorran. -E falando de ocorrer, ¿que está a facer agora? -Estou ensaiando Servidor de dous amos, unha obra de Carlo Goldoni, que estreamos o día 5 en Culleredo. -Como todos os actores galegos, combina teatro e televisión, ¿non? -E dobraxe, porque eu empecei no dobraxe en 1985 e penso que as tres formas de traballo son compatibles. -A pregunta é obrigada, ¿que prefire? -Xa ma fixeron moitas veces e non podo contestar. A min realmente o que me gusta é interpretar, e para min a actuación non é un traballo, é un xogo. -Pero o teatro é máis... -O que lle pasa ó teatro é que está peor pagado e para facelo tes que ter vocación que te compense. -Fáltalle o cine... -Como eu deixo que as cousas ocorran, pois non busco información e non me entero de moitas cousas. A min chámanme para facer castings e eu vou, pero nin me fago ilusións nin non.