TVG co cine

MIGUEL ANXO FERNÁNDEZ

TELEVISIÓN

INTERFERENCIAS | O |

12 oct 2003 . Actualizado a las 07:00 h.

COA CRISE aberta na Academia, falouse tamén do moi escaso apoio das televisións ó cine propio. Sobre todo por parte das privadas que non mercan películas españolas, e a penas participan na producción agás casos moi puntuais. Lamentable cantarela que se repite duns anos para acá. O caso das públicas é diferente, e admite matices que non son do caso agora. Coincidían esas novas sobre as crises da Academia e do cine español, co anuncio da TVG de participar con catro millóns de euros (uns 700 millóns de pesetas) en produccións audiovisuais a través do seu Plan de Cine, TV Movies, series e programas. A priori é unha moi boa nova para o sector audiovisual galego que poderá aspirar no seu conxunto a participar dunha dinámica que no presente 2003 está a deixar un considerable volume de produccións como informaba La Voz o pasado venres. Ata un 15% de máximo porá TVG en 5 novas longametraxes, á parte tvmovies e outros productos. Aí está o feliz resultado de Os lúns ó sol para a autonómica, de feito a primeira película que deixa caixa substanciosa logo do seu paso polas pantallas (fontes do sector cifran os ingresos da TVG en máis de medio millón de euros, que está moi ben e certifica o acerto da súa estratexia). Mágoa que as privadas non entendan que o seu futuro tamén pasa pola producción audiovisual.