Na vella planura vilalbesa, o poeta chairego Manuel María leu o discurso de recepción na Real Academia Galega. Somos moitos os galegos e galegas que temos contraído co escritor unha débeda de gratitude e que de corazón e alma estivemos ao seu carón cheos de orgullo e de ledicia. No último medio século, o autor de Muiñeiro de brétemas espallou polo país adiante ferrados de xenerosidade e fanegas de lúcida intelixencia crítica. Ao tempo foi escribindo amorosamente un poema para cada cousa e para cada causa, foi afirmando a beleza das rosas, dos grilos e dos merlos, foi descubrindo o envés do verbo encantado, foi retratando ao minuto o monte raso e a soedá da súa terra chairega. Labreguiño encantador, conversador cultísimo, militante dos vellos cafés e dos viños nobres, peregrino de todos os camiños, cronista excelso da súa e das nosas tribos, Manuel María conseguiu dalgunha maneira parolar con todos e cada un dos galegos dende Ortegal ao Miño. Neno na guerra, bacharel en Lugo, soldado en Compostela, procurador en Monforte, patriarca das letras na Coruña, Manuel María foi sempre un poeta plural e esencial para alén de narrador, dramaturgo, ensaísta, articulista, orador ata converterse no que é hoxe: unha bandeira e un camiño rexo, unha luz que nos protexe, un cedro amparador coma o da súa casa de Hortas. En Vilalba estivemos todos, Novoneyra e Xosé Crecente, Diaz Castro e Avilés, Iglesia Alvariño e Miguel Anxo, o Darío e a Margarita, un vastísimo exército de galegos de todas as parroquias que tivemos o privilexio de atender a túa palabra e que queremos dicirche, mestre e amigo, que cos nosos ferrados de corazón e coas nosas fanegas de alma acompañamos orgullosos a aquel neno de Antón e Pastora que foi nado en Outeiro de Rei en 1929 para gloria da súa patria, da súa fala e das súas letras.