Vítor Vaqueiro naceu en Vigo no ano 1948, e despois duns anos de labor docente decidiu dedicarse á fotografía e a creación literaria.
15 dic 2002 . Actualizado a las 06:00 h.Aínda non rematou o traslado ó seu novo domicilio cando nos citamos para falar de Os xenerais de África , conxunto de relatos que teñen a súa cidade natal, Vigo, como escenario. Os libros, unha morea de libros, buscan o seu acomodo nos estantes da nova casa dun Vítor Vaqueiro, que fala coa doce entoación característica da cidade olívica. -Os dez relatos que compoñen o libro tratan temas universais. ¿Era inevitable situalos en Vigo? -Son temas universais que poden acontencer en calquera sitio, pero eu penso, e aquí entrariamos no universalismo do galego, do idioma, que o universalismo parte da pequenez das cousas. Por citar dous exemplos moi tópicos, ¿haberá cousas máis universais que o Toboso ou Macondo? Pois son dous lugares absolutamente mínimos. Espontaneamente sae un libro nun lugar donde eu vivo, Vigo, e nun territorio que coñezo, pero por outra parte desas cousas xa se falaba no meu libro O soño dirixido . O seu último conto, podeiría funcionar como prólogo de este libro. Empata perfectamente co primeiro relato de Os xenerais de África , porque en ámbolos dous os nenos son os protagonistas. -¿Mudou a súa visión da obra co paso dos anos? -Esencialmente, manteño a mesma visión que me levou a escribila hai cinco anos. Ás veces, publicas un libro e co paso do tempo arrepínteste de párrafos ou de páxinas enteiras, pero non é este o caso. Trátase dun libro relativamente meditado, e estou satisfeito del porque non mudou a miña visión. Si que mudou a visión respecto ó primeiro libro de relatos meu O soño dirixido . -O título sae do terceiro relato, ¿que lle levou a utilizalo como referencia xenérica para as dez historias? -Pois ten moita gracia, porque foi unha esixencia editorial. Este libro íase titular Memoria do silencio , e o terceiro conto levaría por título Os xenerais de África . O que acontece normalmente é que lle fago caso a quen considero que coñece o territorio no que se desenvolve, e aconselláronme que un título como Memoria do silencio non era demasiado bo. A idea da memoria, dixeron que era moi manida, e bueno, fixen caso, e ese relato, que creo que tiña o título moi axeitado, trasladámolo á cabeceira do libro. O curioso é -fai unha pausa para sorrir- que un mes despois de saír o libro, Xosé Luis Méndez Ferrín publica No ventre do silencio . Dende o meu punto de vista sería máis coherente Memoria do silencio , pero o mellor ten máis enganche este título. -¿É que me di da súa linguaxe? ¿Cal é a súa postura ante a normativa oficial? -Penso que verdadeiramente o galego e o portugués son esencialmente a mesma lingua, e non comparto a normativa oficial. Gardando as especifidades do galego, habería que achegarse clararamente ó portugués. Esta posición, por outra banda, é compartida por moita xente. Aí están as manifestacións públicas de Suso de Toro, ou unha persoa ecuánime é moderada como era Carlos Casares, que dicía que había que ir moito máis alá, por exemplo en asuntos coma a subsitución do ll ou o ñ por lg ou ng. Para min, as diferencias entre o galego e o portugués non son moitas máis das que existen entre o cántabro e o canario. Para quen sosteña o contrario eu poño un exemplo histórico: en 1842 faise un diccionario chileno-español, español-chileno porque nese momento defendese que se trata de dous idiomas distintos. Quero dicir con iso que se imos buscar diferencias, naturalmente que as atoparemos, pero hai que buscar puntos de encontro.