Van xa case para once anos do fallo do premio Álvaro Cunqueiro de novela. Branca de Loboso erguíase das «sombras do Barroco» aínda non escritas por Xesús Rábade Paredes para testemuñar, unha vez máis, sobre unha época chea de feitizos e meigallos, de bruxas e trasnos, de tentación e arrepentimentos: a Galicia do século XVII. Branca de Loboso é unha moza de aldea, sinxela e humilde. Amante da liberdade. Viu a luz un 20 de xaneiro de 1620. Se tivera nacido catro séculos máis tarde mesmo poidera ter sido veciña do propio Xesús Rábade; terse atopado algún día, poño por caso, nas encrucilladas dos camiños de Begonte ou Vilalba ou na carballeira de Chaián. Pero a Branca de Loboso tocoulle vivir outros tempos. Tempos de fogueiras e torturas, de amores apaixonados pero obrigados a murcharse na soedade dalgún convento ou no patíbulo dalgunha praza maior. Aínda non naceran María nin Manuel, os protagonistas daquela terra prometida coa que Rábade Paredes iniciou a súa andaina como escritor para achegarse ó mundo da emigración. Tampouco Saraverde nin Rabel, posesos dun amor imposible de abranguer e esnaquizado, finalmente pola lacra da dictadura. En pleno século XVII o mal tiña forma de demo, de anxo rebelde. Branca de Loboso e o seu amante, Toño de Aldán, sufriron a carón del. A Inquisición levou as chamas do seu amor á fogueira da carraxe e da supertición. Rábade Paredes sóubonolo contar, coma sempre fai el, cun estilo directo e descamado, adentrándose na introspectiva da historia e botando man dunha linguaxe próximo e actual. As labaradas do amor frustrado aínda alumean hoxe naqueles corazóns feridos, encetados pola incomprensión; naquelas almas que non puideron esquecer o que pasou.