A poderosa fabulación de Anxo Angueira en «Pensa nao»,

F. MARTÍNEZ BOUZAS

TELEVISIÓN

A novela, gañadora do Premio Xerais, tivo unha gran acollida por parte do público e da crítica Pensa nao, a novela gañadora do Premio Xerais en 1999, é, á vez, moitas cousas. Unha fabulación poderosa, de inmersión e apoteose. Apoteose tráxica, se se quere, más apoteose en definitiva. Unha proposta narrativa que rebenta en forza e autenticidade en doses poucas veces contempladas nos últimos anos. Lecturas cualificadas

21 jul 2002 . Actualizado a las 07:00 h.

Pensa nao escribiuna A. Angueira sen se aclimatar a nada. O que narra é froito do somergullo desde cativo na vida aldeá do largacío val de Laíño, nas súas brañas e campías, seguindo a abraiante liña azul do Ulla. Engádase a isto o poder fabulador dun escritor pouco prolixo, pero potente e eficaz, que se alimenta nos vestixios da memoria popular, no que as xentes da aldea de Manselle e a súa comarca lle contaron e nas cartas da emigración. O resultado é este exultante traballo creativo que nos reconcilia enteiramente coa literatura. A historia de Pensa nao é unha recreación ficcional dos sucesos acontecidos en Sernanselle desde o San Martiño do ano 35 ata xullo do 36. Puntuando a sucesión de acontecementos e o clima «in crescendo» da trama, as cartas de América. A. Angueira narra a distancia inmensa entre dúas cartas que describen as xornadas positivas e o estremecemento e dramatismo dos días negativos que de súpeto estourou na comarca ao igual que en toda Galicia. A novela é unha verdadeira inmersión na vida da aldea, nos seus días e traballos, nos seus fermentos de modernidade, nas tensións políticas que xorden inevitablemente entre os defensores da República e os falanxistas e un clero belixerante. O traballo da chapacuña, a collida dos enxamios, as mallas e regas, as vidras e restrebas...Con ducias de personaxes, algúns memorables, que fan de Pensa nao unha biografía colectiva que relata o mundo rural desde dentro e cun estilo moi distinto ao do costumismo ou ao do socialrealismo. Somergullo nas grandes e fermosas paisaxes míticas do Ulla pola banda de Laíño. Novela de mestura bravía e salvaxe de terra e auga. Romance de fondas resonancias sociais, recuperación da memoria e da identidade, comprometido coa realidade e coa verdade, a prol do progreso e da convivencia. En Pensa Nao agáchase unha fascinante historia de amor contada con todos os bríos da nosa lingua. F. MARTÍNEZ BOUZAS, crítico literario