«A literatura parte da dor»

R. GARCÍA A CORUÑA

TELEVISIÓN

Miguel Suárez Abel, gañador do Premio de Novela por Entregas de La Voz de Galicia Recoñece que estaba un pouco nervioso. Sabía que era un dos tres finalistas do Premio de Novela por Entregas de La Voz de Galicia pero descoñecía se alguén, fóra dos xurado, sabía o nome do gañador. «Está moi ben iso de que non se saiba o nome ata que se abre a plica, pero sendo finalista pásalo mal», explicou onte Miguel Suárez Abel. Por se fose pouco, tocoulle un descoñecido compañeiro de mesa, na cea literaria que tivo lugar na noite do pasado xoves no museo de La Voz, que acabou confesándolle que unha obra súa tamén era finalista. Tratábase de Xan Carlos Silva, que ademais presentabase coa súa primeira novela. Un bo comezo literario.

18 jul 2002 . Actualizado a las 07:00 h.

Miguel Suárez Abel (Arzúa, 1952) explica que escribir a novela por entregas O repenique de Beatriz Golda r foi «unha experiencia moi bonita». Recoñece que é algo «que ten os seus ingredentes propios, esixe certa concentración, adaptarse a un límite de liñas e estar mantendo a expectativa de continuar ó día seguinte». Resume a experiencia en que «gustoume». -Dixo que a súa era unha de personaxes amables. -Se cadra, ás veces empeñámonos en buscar o lado turbio e truculento das cousas, cando no máis sinxelo e amable pode haber unha ihstoria moi interesante. Intentei buscar eses personaxes que ás veces son tachados de mediocres que teñen a súa historia e acaban sendo atractivos. A vida, nos seus asuntos máis normais, pode ter ese gusto, ese gancho por seguir vivindo. -Cando recibiu o premio, non se gabou de ser amigo de Carlos Casares, senón coñecido e admirador. -Penso que Casares coa súa columna diaria en La Voz de Galicia, é un feito trascendental no periodismo galego e demostrou que unha cea, un can, un gato ou unha viaxe poden ser cousas que realmente dan ganas de seguir vivindo. Por iso quixen facer a miña novela con personaxes normais e demostrar que o novelesco non ten porque partir de realidade extraordinaria. -¿Quen é Mario Marzoa? -Presentei a novela con ese nome, Mario Marzoa, que é o narrador, unha persoa calquera que deixa de estudiar e vese obrigado a traballar nun banco; vaise adaptando, polas súas necesidades vitais, e tampouco é que lle vaia peor. A vida agocha segredos que non sabemos moi ben a onde nos poden levar -¿E Beatriz Goldar? -A protagonista é máis complexa, mais misteriosa, pode parecer un pouco máis especial pero pouco a pouco vai amosando o seu aspecto máis humano, os seus valores de apertura e bondade. -¿Falta humanidade na literatura? -A literatura parte da dor, porque o ser humano está sempre abocado á traxedia, a parte máis obscura que é enfrontarse coa morte. Kafka dicía que unha boa novela ten sempre que darche unha navallada polas costas. -A súa novela, ¿ten navallada ó lector? -Creo que neste caso non hai navallada, pode estar máis ou menos intrigado, ter unha certa comechón pero ó final sabe que está diante dunhas personaxes que son bos, amables. Non quería facer unha novela doce, pero ela foise conducindo cara a aí.