«A novela non é poesía»

TELEVISIÓN

Vicente Araguas, autor de «A canción do verán» Hai quen semella ser seu propio retrato. E tamén hai quen non, claro. Pero Araguas, si. É coma unha foto de si mesmo. E iso, que non se improvisa, vén demostrar que non quere parecerse a ninguén. Vicente anda o seu propio camiño, que non é a peor maneira de andar polo mundo. Agora vive en Madrid, dedicado ós libros e ó ensino. Cofundador de Voces Ceibes, rematou por escoller, como palabras predilectas, non as que bailan no aire, senón as que se debuxan, con tinta e silencios, no papel. Así que fai libros. Poemarios -non lle gusta chamarlles así- e novelas. Literatura. Pero con moito de canción.

07 jul 2002 . Actualizado a las 07:00 h.

Vicente, que exerce de ferrolán no exilio da meseta, é de Santa María de Neda, que practicamente vén representar o mesmo que ser de Santa Mariña de Sillobre, porque ámbalas dúas parroquias, nas que lindan as mitras de Santiago e Mondoñedo, comparten río -o Belelle, grande señor das troitas- e os ecos dun poeta: os de aquel cabaleiro Esquío que se preguntaba, cando o corazón lle doía, ¿Que me queres, amor? -¿Que lle queda dentro de Voces Ceibes? -Pois mire vostede: durante un momento andei ata os baluartes de Voces Ceibes, porque como estamos nun país pobre, como dixo o outro, que non dá máis que para unha idea, a xente, os aproveitados, querían encasillarme nada máis que niso, e deixarme á marxe da literatura. Porque, amigo, o escalafón é o escalafón. Dicían «este para qué quere ser crítico», «para qué quere ser novelista», «para qué quere ser poeta»... «Que se quede de pioneiro da canción protesta galega», dicían. Así que por iso estiven farto nun principio, o que pasa é que logo entendín, sobre todo cando escribín o libro Voces Ceibes , que todo era a mesma cousa. Que eu formaba parte dun puzzle, ou crebacabezas, moi particular meu, no que a música era o centro, e ese centro ía tirando de todo o demais. Así que aquelas cancións, aquelas letras miñas, foron o meu motor de arranque. -Agora imos preguntar o de sempre: ¿poeta, novelista, ou qué? -A novela é poesía son cousas ben diferentes, aínda que eu entenda que hai unha poesía narrativa e unha narrativa lírica. Agora, tamén coñezo a un que di, cando lle botan moita auga no whiski, que el ou bebe whiski, ou bebe auga. E a min pásame o mesmo. Cando fago poesía, fago poesía. E se é novela, pois novela. -Poesía sen vocación narrativa, narrativa sen lírica... -Iso pretendo. Hai que diferenciar xéneros. Que o lector dun poema esixe unha cousa e o da narrativa outra. A min, os novelistas líricos, por exemplo, non me interesan nada.