VÍCTOR F. FREIXANES AS PALABRAS
05 may 2002 . Actualizado a las 07:00 h.Necesitamos un cambio. Un cambio radical e ilusionante. Cando eu era rapaz, en Pontevedra, había un personaxe, Manolo o do acordeón, que ía polas portas das casas felicitando a onomástica ós veciños. Tiña unha libretiña vella onde anotaba os santos, os enderezos dos pontevedreses, as vellas familias -daquela coñeciámonos todos-, e Manolo, que era especialmente querido, tocaba o seu instrumento e recibía unha modesta propina. Cando o acordeón soaba, todo o mundo sabía que había festa na casa. Pasou o tempo. Melloraron as economías. O músico seguía indo polas portas. Pero a xente empezou a darse ínfulas de señorío e non o deixaba tocar. Dobrábanlle as propinas, iso si, nunca tanto cobrou por non facer nada, pero despedíano, con cariño. «Outro día, Manolo». Á pequena burguesía vilega, que xa tiña coche e televisor, dáballe non sei qué ter o músico na porta. Co galego pasa algo parecido. Enchémolo de axudas xenerosas. Pero non o deixamos tocar. Témolo de adorno. Querémolo, sacámolo en procesión (o Día das Letras), poñémolo na peana do santo, de cando en vez pagamos seminarios e congresos. Pero non llelo falamos ós fillos, apenas está nos medios de comunicación, no comercio, na Igrexa, na Xustiza, na escola e na Administración... Alarmámonos cos informes da Unesco e desterrámolo decote da nosa vida. Que cada quen tire as súas conclusións. As linguas viven na medida en que os seus falantes queren que estean vivas.