DENDE LONXE

BASILIO LOSADA

TELEVISIÓN

04 may 2002 . Actualizado a las 07:00 h.

Unha ollada sobre a literatura galega dende a perspectiva que da a lonxanía pode resultar útil para enxergar cunha certa precisión o panorama das letras cando pasóu xa mais de un cuarto de século dende a reinstauración da democracia. Cun intento de precisión direi que nunca se escribiu tanto en galego e nunca se escribiu un galego tan bon. Superada a teima diferencialista, quere dicir a construcción de un galego culto o mais alonxado posible do castelán, a nosa lingua conseguiu hoxe un equilibrio notable entre a escrita e o galego que fala a xente do común. Unha gran conquista foi a súa presencian na escola. Quero lembrar a Carlos Casares, que escribiu un galego preciso, elegante, expresivo, capaz de expresar matices do pensamento e do espírito moi sutiles. A literatura galega goza de excelente saúde. Pode compararse con calquera das literaturas europeas de hoxe e nalgún caso resistir con ventaxa a comparanza. Ten Galicia hoxe seis ou sete poetas de primeira categoría. Temos tamén excelentes narradores. Non vou dar nomes por non ferir a ninguén no caso de un posible esquecemento, pero calquer lector en galego pode lembrar deseguido cinco narradores de gran calidade que resisten a comparanza cos máis brillantes de calquera país que teña a lingua normalizada e co debido prestixio social. O mesmo podería dicir do ensaio. En canto ó teatro, faltan os elementos estructurais e sen eles é difícil que o teatro galego teña una presencia sobranceira. Son optimista, pois, verbo da nosa literatura. Teño á experiencia dos meus cursos e das lecturas que os alumnos, non galegos e mesmo extranxeiros, acollen con entusiasmo. BASILIO LOSADA é profesor e traductor