«Hai que vender un pouco de optimismo»

RODRI GARCÍA A CORUÑA

TELEVISIÓN

XOSÉ CASTRO

Tucho Calvo, escritor e autor de «O xabaril branco» Ten alma de emigrante, de buscador doutros mundos, de camiñante por novos vieiros; é algo que amosou nos seus primeiros textos literarios, ó romper co mundo rural en «Froito das lembranzas», na ciencia ficción de «PAE-século XXI» ou en «Astra o confín» (1983), e cando a súa obra «O xabaril branco» foi a primeira novela galega en Internet. Agora esta novela de Tucho Calvo, ilustrada por Miguelanxo Prado, entra a formar parte da Biblioteca Galega 120, mentres que o autor xa está a piques de publicar outros dous libros, un de relatos «Corazón entre desertos» (Ir Indo) e outro infantil, «Gatipedro» (Kalandraka).

24 abr 2002 . Actualizado a las 07:00 h.

José Benito Calvo Rego (A Guaira-Venezuela, 1954) compaxina xornalismo e literatura, algo que lle permite un contacto directo co mundo da cultura galega no que é rotundo o afirmar que «hai que vender un pouco de optimismo, xa está ben de tanta tristura e tantos laios». ¿Que é «O xabaril branco»? -Unha novela de aventuras que protagoniza un rapaz galego de finais do xéculo dezanove que sae dos Ancares e vai a Arxentina para acabar alí nunha guerra na Patagonia. ¿Unha novela de emigrantes escrita por un emigrante. -Eu son dunha familia de emigrantes e estou nun país de emigrantes. Iso deixa un pouso no subconscente que despunta nos personaxes. Meu avó emigrou a Estados Unidos e meus pais a Venezuela, onde nacín eu e miña irmá. O círculo de amistades era de galegos, canarios... Unha vida rodeada de emigrantes. ¿O futuro é a mestizaxe? -En Galicia pode haber sensibilidades distintas fronte ó tema, pero Fito, o protagonista do xabaril, non é un emigrante standar, singular, senón que está arroupado por un mundo máxico da natureza dos Ancares e vaise a unha terra onde ponse do lado dos débiles, do pobo ó que tratan de quitarlles a terra. ¿Podería pasar hoxe? -Aínda que busquei moita documentación da época, non é unha novela histórica e si está de actualidade: pola situación na que viaxa a América, polo xeito como o captan os ganchos da época para telos como man de obra, case como escravos. Todo isto é mo actual.