REBELDE E REALISTA

La Voz

TELEVISIÓN

11 mar 2002 . Actualizado a las 06:00 h.

Tense por convención, dentro da historiografía da literatura galega, que Manuel Curros Enríquez é o terceiro dos grandes poetas do XIX. Formado nun romanticismo xa culminado e mesmo en decadencia, que aínda impregnará algúns dos seus primeiros poemas, pénsese na famosa Cántiga (No xardín unha noite sentada ou, segundo a versión popular, Unha noite na eira do trigo), Curros pasa por ser, e sen dúbida éo en maior medida que os seus preclaros antecesores, o modelo galego de poeta realista. Rebelde, liberal, anticlerical, que non antirrelixioso, inicia unha biografía aínda non suficientemente documentada nalgúns dos seus pormenores, coa fuxida da casa familiar, víctima dun conflicto paterno-filial que seguirá a perseguilo durante case toda a súa vida. Recollido en Madrid, polo xornalista e funcionario Modesto Fernández e González, que será quen, máis adiante, patrocine en 1877 o Certame Poético de Ourense (que Curros gañará con tres poemas costumistas, aínda na fase de maduración da súa peculiar poética: A Virxe do Cristal, O gaiteiro e Unha voda en Einibó), vive na capital o período convulso do chamado Sexenio Democrático. De volta en Ourense, e xa recoñecido como poeta, publicará en 1880 a súa obra máis referida: Aires da miña terra. Considerado pola xerarquía local da Igrexa como un inimigo a combater, Curros é procesado por ridiculizar nos seus poemas varios dogmas da relixión católica. Condenado inicialmente, resulta finalmente absolto. De novo en Madrid, o destino segue a maltratalo coa morte da súa nai e de tres dos seus fillos e co inicio de insuperables problemas matrimoniais. En 1894 emigra a Cuba onde vai vivir os anos que preceden ao derrubamento do Imperio Español, situándose a favor da emancipación cubana e en contra do goberno de Madrid. Logo dunha fugaz viaxe a Galicia en 1904, morre na Habana en 1908.