As historias do galego en cada universidade do planeta son letras pequenas que encherían un libro. Libros como os que cobren as bibliotecas das facultades que falan miudiño de Galicia. En La Trobe, unha universidade de Victoria, en Australia, está Roy Boland, á fronte dun departamento de galego e outras linguas e dirixe, ademais, o Centro para os Estudios Galegos. Del tamén depende o que hai en Nova Celandia, en Waikato, e do que se ocupa Roberto Esposto. Boland, que asegura ter «antecedentes ibéricos de Galicia», ten feito varios proxectos de investigación sobre Galicia, ensina o idioma a principiantes, organiza viaxes culturais e mesmo ten pensado traducir ó inglés os diarios que Frai Rosendo Salvado, de Tui, deixou no cercano mosterio de Nova Nursia aló polo século XVIII. En Alemaña, onde hai catro lectorados, é salientable a magnífica biblioteca de obras galegas que atesoura a universidade de Trier. Na de Bos Aires, a cargo de Graciana Vázquez, hai que destacar o Centro de Estudios Galegos Rodríguez Castelao. En Helsinki, os que a coñecen sorpréndense do excelente manexo do galego da profesora Tania Hämäläinen, o mesmo que o da docente Fernc Pal, que é a que difunde o idioma nas terras maxiares da Universidade Rolando Eötvos de Budapest (Hungría). En Cracovia, Maria Filipowicz fixera un curso de galego e desde hai pouco difúndeo alí. E Elena Zernova dá a coñecer o teatro, poesía e conto galego na fermosa universidade rusa de San Petersburgo.