DO MEDO Á ADMIRACIÓN

La Voz

TELEVISIÓN

XAVIER BALTAR TOXO, membro da Fundación Castelao

03 ene 2002 . Actualizado a las 06:00 h.

É emotivo que La Voz de Galicia edite a Biblioteca Galega 120, achegando ao gran público obras básicas galegas, incluído o Sempre en Galiza. Volvo a cara atrás. Nos anos 1950-1960 o Sempre en Galiza viña clandestinamente de Bos Aires. Os meus compañeiros adolescentes non sabían nada de Castelao. Na Universidade a situación era parecida: agás algúns iniciados, o nome do que fora o máis popular dos galegos, nin se coñecía. A min sorprendíame pois eu vivía impregnado de Castelao dende a infancia, nunha relación de familias que viña de antes de que Castelao fose un recoñecido persoeiro. Don Ramón Toxo, casado con Tana Baltar, era o xefe político de don Mariano, o pai de Castelao, e meu avó Ánxel Baltar o seu máis grande amigo. Ramón Rey Baltar colaborou con Castelao nos seus primeiros lances políticos no Barbeiro Municipal, revista satírica que se editaba en Rianxo, e así deseguido a relación continuada das familias tanto aquí como no exilio. Recordo vivo da infancia era aquela casa de Rianxo chea de dor e medo, sempre coas contras entornadas, as irmás Xosefina e Teresa falando baixiño de Daniel. Alí meus irmáns e eu admirabamos os cadros, debuxos e libros do grande ausente. O trato era tan familiar que tardei anos en descubrir que non eran nosas tías. Aquel tráxico periodo de silencio, dor e medo, deviu por fortuna nun total recoñecemento desta máxima figura que resplandece por riba de todos. E a aqueles que trataron, e por algúns anos conseguiron, eliminalo e silencialo, o tempo púxoos no seu sitio: o pozo da nada. Mentres, a figura de Castelao volve obter admiración, respecto e popularidade crecentes.