As Letras Galegas van por comarcas

RODRI GARCÍA A CORUÑA

TELEVISIÓN

Colectivos da Costa da Morte e da Terra Cha teñen as súas celebracións, nalgúns casos dun mes de duración e con ampla participación O minifundio que divide Galicia afecta tamén as súas letras. A celebración do 17 de maio, ademais de litúrxica e cada vez con menos calado social, ten réplica en vilas e comarcas nas que a data é celebrada cunha ampla participación. Un exemplo disto é a pequena aldea de O Couto, a poucos metros da casa de Ponteceso onde naceu Eduardo Pondal; alí, a asociación Monte Branco organiza o Mes das Letras Galegas. Tamén na Costa da Morte piden que se dedique o Día das Letras Galegas a Labarta Pose, o mesmo que fan en Valdeorras con Florencio Delgado Gurriarán, en Ferrol con Pérez Parallé e en Lousame con o cura de Fruime.

24 nov 2001 . Actualizado a las 06:00 h.

Nestes últimos anos, mentres os membros da Real Academia Galega, xunto con personalidades da política e da Cultura, agasallan ó protagonista do Día das Letras Galegas, en varios lugares de Galicia teñen lugar actividades para festexar a data, pero homenaxeando a outro escritor. Pasou na Costa da Morte onde a comisión Labarta Pose organizou numerosos actos para divulgar a figura deste escritor, ademais de dedicarlle as actividades do día 17 de maio. Esta entidade, que agrupa a tódalas asociacións de Baio, segundo informa a delegación de La Voz de Galicia en Carballo, rexeita facer calquer tipo de presión política e aposta pola divulgación. Ademais, entregaron a varios membros da Real Academia Galega informes detallados sobre as actividades que levan a cabo, un deles hai escasamente un mes o tesoreiro da Academia, Xosé Ramón Barreiro Fernández. Web con 200.000 visitas A comisión Labarta Pose ten unha páxina en Internet (www.webaio.com) que xa foi visitada por mais de 200.000 internautas. Os membos desta comisión foron os encargados do pregón da Festa das Letras Galegas de O Couto. Esta é unha pequena aldea, próxima a casa natal de Pondal, na que desde comezos dos anos oitenta teñen lugar numerosos actos culturais durante todo o mes de maio, un exemplo sorprendente do pulo e participación que pode acadar esta celebración. Por outra banda, o Instituto de Estudios de Valdeorreses empezou a pedir apoios para que o Día das Letras Galegas do 2002 se dedique a Florencio Delgado Gurriarán, poeta valdeorrés que morreu exiliado en México e do que o ano que vén se cumpre o centenario dous eu nacimento. Tódolos concellos da comarca valdeorresa apoian esta iniciativa, segundo informa a delegación de La Voz en Valdeorras, que será trasladada a Real Academia Galega.