Volve «Mareas vivas» con novas historias

PILAR CUNTINS A CORUÑA

TELEVISIÓN

Mañá empézase a emiti-la oitava etapa de esta serie nas pantallas da Televisión de Galicia Chega o outono e, con el, as «Mareas vivas». Cando a atracción do Sol se suma á da lúa, as mareas son grandes e chamámoslles mareas vivas. Algo parecido lle debe pasar á serie máis vista da Televisión de Galicia. «Mareas vivas», despois de case tres anos en antena, segue exercendo unha sorte de atracción fatal para o público galego. A serie, ambientada na ficticia vila mariñeira de Portozás e producida pola División Audiovisual do Grupo Voz, é seguida por preto de 500.000 espectadores cada luns. Tras tres meses de descanso na temporada estival, «Mareas vivas» volve con novos capítulos cheos de sorpresas e aventuras.

08 sep 2001 . Actualizado a las 07:00 h.

A serie, producida por NTR para a TVG, leva sete tempadas nas costas e, o próximo luns, empézase a emiti-la oitava etapa. O día 23 de Maio, un equipo de 50 persoas, entre equipo técnico e artístico, comezou a gravación dos novos capítulos, que se prolongou ata o 3 de agosto. Despois de quince días de descanso, o equipo retomou a gravación para xa empezar coa seguinte etapa. E que non paran. Despois de case tres anos en antena, a serie, que conta cun share medio do 40,8 % (ó redor de 500.000 espectadores ven Mareas vivas cada luns), segue sendo a serie de ficción más vista na Televisión de Galicia. O luns, día clave A TVG, que ocupou este ano o terceiro posto entre as televisións autonómicas máis vistas, desbanca un día á seman ó resto das autonómicas. Os luns, coa emisión de Mareas vivas, converten á canle galega na primeira do ránking, e sitúana por riba da TV3 (a catalana é a autonómica máis vista). Esta é unha proba máis de que as historias dos habitantes de Portozás son xa unha cita obrigada na noite dos luns para miles de espectadores galegos. Pola serie pasaron actores da talla de Luís Tosar, Isabel Blanco, Sonia Castelo, Manuel Lourenzo, Miguel de Lira, Carlos Blanco, Mela Casal e Rebeca Montero, entre outros. Moitos deles continúan, outros seguiron camiños diferentes e algúns chegan novos. Nesta etapa participan na serie actores e actrices como Xabier Estévez, Pilar Pereira, Quico Cadaval, Tucho Lagares, Mercedes Castro, Xosé Ramón Lojo, entre outros. Polo que respecta ós debutantes, está Naila, unha nena que interpreta o papel de Carmiña, a filla de Petróleo e Belinda, escollida despois dun minucioso proceso de casting en A Coruña, e que xa se converteu no chichí do equipo técnico e artístico da serie. Loira e cuns impresionantes ollos azuis, Naila aprendeu a chamar a Petróleo (claro que co nome de «Pololo») e a Belinda, así como a dicir papá e mamá. A gravación, que se organizou alternando dúas semanas nun dos platós das instalacións de NTR no Polígono da Grela e dúas semanas en exteriores durante dous meses e medio, contou nesta etapa con novos escenarios, ubicados, a meirande parte, nos arredores da vila mariñeira de Laxe. Os acantilados do Roncudo, a igrexa de Baio, o Faro Vilán, Corme, Serantes e as illas Sisargas son algúns deles. Recoñecementos Mareas vivas foi merecente de importantes premios, que confirman o seu éxito: premio Geca (Gabinete de Estudios da Comunicación Audiovisual) 1999 e 2000 ó programa máis visto entre as televisión autonómicas, o premio Galicia de Comunicación e premio Agapi (Asociación Galega de Productoras Independentes) á mellor producción audiovisual galega. Debido a súa grande aceptación, outras canles autonómicas apostaron por esta serie.