MIGUEL ANXO FERNÁNDEZ INTERFERENCIAS
22 abr 2001 . Actualizado a las 07:00 h.Un rápido viaxe pola memoria deixa arredor de vinte películas das encadradas como cine galego (ou cine en galego, que para o caso da o mesmo) sobre as que a TVG posúe dereitos de emisión. Non hai moito se lle facía o reparo de que pagou unha burrada por un lote de cine norteamericano (tamén mercou cine italiano do bo...), en prexuízo doutras cinematografías. Sábese que tampouco é así, que se fixo a bo prezo cun lote de filmes de mestres como Peckimpah, Kubrick, Mann, Hawks ou Spielberg. Tema para outro día. Agora trátase de que a TVG potencie sen retraso o equivalente a Versión española (La 2) ou a La gran ilusión (Tele 5). Non vale a desculpa do share, que sobra trapallada en hora punta. Con eses vinte títulos, un presuposto medio-baixo e un pequeno equipo (hai profesionais abondo dentro da casa), a TVG aportaría ó cine galego algo máis que unha burocrática merca de dereitos. Iso está moi ben, pero quizáis non se rentabilicen socialmente como se debera. Cine feito en boa parte pola nosa xente, na súa maioría filmados nas nosas paisaxes e por suposto universal e sen complexos en canto a contidos. A iniciativa recollería froitos ás vinte semanas. Sen dúbida. Por suposto que tamén será o mellor test para apreciar ata que punto o cine propio sintoniza co seu público natural e mesmo para hixienizar o sector, que ó mellor tamén lle compre. Que haxa sorte (pero que arranquen dunha vez).