Patrocinado porPatrocinado por

Como socavar a política común de pesca dende a propia Comisión

Gonzalo Rodríguez COORDINADOR DO GRUPO DE INVESTIGACIÓN EN ECONOMÍA PESQUEIRA DA USC

PESCA Y MARISQUEO

Imagen de archivo de pesca dirigida de bacalao en el norte de Europa
Imagen de archivo de pesca dirigida de bacalao en el norte de Europa norge

18 sep 2022 . Actualizado a las 13:14 h.

Como economista pesqueiro, teño defendido en múltiples foros unha particular virtude da política común de pesca: ser unha política baseada na ciencia. Aínda admitindo limitacións, non coñezo ningún outro sector no que exista unha cadea de transmisión tan nítida entre o consello científico e a toma de decisións políticas. Nese sentido a Comisión tende a actuar máis como unha administración, moi robustamente baseada nos procedementos, que como un goberno. Así, os TACs e cuotas que constitúen a súa espiña dorsal, son fixadas en base a informes biolóxicos elaborados por ICES e adaptados na comisión a fin de integrar xunto có obxectivo de sostenibilidade ambiental, a económica e a social.

Teño criticado tamén que a diferencia dos científicos ambientais, non se escoitara igualmente aos sociais e ao propio sector produtivo, sobre todo porque na medida en que a lóxica ecolóxica e a económica operan en tempos distintos, a procura de ambas non ten unha resposta evidente nin sinxela e require de compromisos e esforzos de todas as partes. Pareceu nalgún momento que a Comisión quería avanzar cara unha maior coxestión en base a un diálogo tripartito e máis descentralizado.

O peche de 87 áreas de Irlanda, Francia, España e Portugal á pesca de fondo constitúe unha decisión promovida polo comisario Sinkevicius que, xunto con outras, apunta exactamente na dirección contraria. Non so perpetúa a ausencia de consello científico socioeconómico, senón que prescinde tamén de respaldo biolóxico sólido e renuncia á procura do acordo político sobre bases sólidas, como ben ilustra a «non opinión» do Comité de Pesca do Consello Europeo. Parece responder máis ben a unha aposta certamente política, pero tamén de certo sesgo persoal.

En calquera caso, a decisión non so dana ao sector pesqueiro, tamén socava os medios de vida de moitos mariñeiros, erosiona as posibilidades de desenvolvemento de numerosas vilas costeiras, lastra unha longa cadea de valor que vai dende a fabricación de redes aos expositores das peixerías e desdeña a soberanía alimentaria, pero, ademáis muda as regras do xogo e degrada a confianza na propia PCP e nas institución pesqueiras comunitarias. E faino agora, no peor momento posible: có impacto do Brexit e a reconfiguración da xeopolítica da pesca en Europa en marcha, e tamén no medio da guerra desatada por Rusia en Ucraína. Sabemos ben que a confianza e algo tan difícil de construír como fácil de erosionar.

Como queira que a min me gusta mirar e analizar os números, non podo sustraerme o dato de que a liña de costa de Lituania (o país de orixe do Comisario) é de 100 quilómetros aproximadamente (1.400 en Galicia, para facernos unha idea) e que conta con unha flota de 147 barcos (4.169 en Galicia). Non é tanto que cuestionemos a súa competencia, como os incentivos que inferimos no conxunto de antecedentes e que apuntan a un escaso interese na pesca. De feito, si un analiza as responsabilidades que enuncia no seu perfil na páxina web da Comisión de Medio ambiente, Océanos e Pesca, esta última non so está efectivamente postergada, senón que vai asociada sempre a significantes negativos «control», «cumprimento das regras», «ilegal», etc. Nada que indique que a promoción desta actividade forma parte tamén do seu cometido. No fondo perpetúa un sesgo tácito no que os traballadores da pesca son tratados como o principal problema da política pesqueira. Por este camiño a política non pode ser común.