Patrocinado porPatrocinado por

Chinchos

Carlos H. Fernández Coto SECCIÓN ÁUREA

PESCA Y MARISQUEO

Jurel
Jurel MARCOS CREO

24 ago 2021 . Actualizado a las 05:00 h.

Nunca estiveron tan de moda como agora os chinchos -os xurelos máis pequenos e máis baratos- grazas a unha caste de turistas que visitan as nosas costas, agora tamén o interior, que se coñecen como fodechinchos, pola tradición de ir ás lonxas á procura do máis barato.

Aínda que a Real Academia é reacia a incorporar ese termo no dicionario, está moi estendido, tanto que ata na Festa da Dorna teñen una expresión para los lambóns aproveitados: «Deixa aljo para o resto que pareses un fodechincho», e todo o mundo o entende.

A súa principal característica é a prepotencia coa que se dirixen ao pobo indíxena, que levan intrinsecamente gravada como cando alguén de capital viaxa a provincias, unha especie de superioridade moral e económica que asoballa -ás veces sen querelo- á xente da localidade que visitan, practicando artes que na súa cidade nin se lles pasa pola mente: aparcando mal, camiñando desordenadamente e sen máscara en pandemia, esixindo un trato especial e moitas outras. E logo van dicindo «que bien se come en Galicia y que barato es», como se nós pasaramos fame.

Non é fobia aos visitantes, é unha realidade comprobada. Cando viaxamos, normalmente intentamos empatizar cos pobos e afondar nos seus costumes e ritos, sempre co máximo respecto, e preguntando con humildade, afacéndonos e respectando as linguas maioritarias de cada lugar. Non esiximos que nos traduzan as cartas dos restaurantes, nin imos desprendendo un cheiro arrogante, de superioridade.

É como son moitos dos que nos visitan, tamén, pero canta máis xente vén, máis gando con pedrigree recibimos.