Patrocinado porPatrocinado por

A arousá Mónica Leiro é a nova presidenta Federación pola Cultura Marítima

La Voz CAMBADOS / LA VOZ

SOMOS MAR

A nova directiva da Federación pola Cultura Marítima e Fluvial.
A nova directiva da Federación pola Cultura Marítima e Fluvial.

Culturmar decidiu apoiar a Ribadeo para acoller o Encontro de Embarcacións Tradicionais de Galicia do vindeiro ano

23 mar 2026 . Actualizado a las 19:44 h.

A Federación Galega pola Cultura Marítima e Fluvial, Culturmar, celebrou esta fin de semana en Cambados unha asemblea xeral onde se debateron dous temas importantes: a elección da sede do Encontro de Embarcacións Tradicionais de Galicia (EETG) que se celebrará en 2027 e a renovación da xunta directiva.

Con respecto ao primeiro asunto, os socios e socias de Culturmar apoiaron por unanimidade a proposta de que sexa Ribadeo a localidade que acolla en xullo de 2027 o Encontro. O até este sábado presidente de Culturmar, Pepe Sacau, afirmou que a celebración do Encontro en Ribadeo é «todo un reto que nos dará a oportunidade de coñecer máis a fondo a mariña luguesa e o Cantábrico». Sacau explicou que celebrar o evento «na outra punta de Galicia ten un atractivo especial.

O outro tema central da reunió foi a elección da nova xunta directiva. A principal novidade é que, por primeira vez na súa historia, unha muller preside a Federación. Trátase de Mónica Leiro Búa, membro da Asociación A Fasquía, da Illa de Arousa, que estará acompañada por outras dúas mulleres en postos de responsabilidade. María José «Jojó» García Campo, de Sada, é a nova vicepresidenta; e Iria Fernández Delgado, a tesoureira.