Sefa, Lola e Ana fixeron da batea o seu medio de vida da man das súas parellas. Orgullosas do que fan, sinalan que non mudarían por nada este oficio
08 mar 2026 . Actualizado a las 05:00 h.Sefa Álvarez, Lola Meis e Ana María Rey son desas mulleres que resultan inspiradoras, non só polo traballo que desempeñan, ou desempeñaron no caso de Lola, agora xubilada, senón pola paixón que poñen ao facelo. Son bateeiras, un oficio sacrificado, moi físico, e sempre a expensas do clima. Non son pioneiras, nin tampouco unha excepción, a lo menos non na cooperativa de Amegrove, á que pertencen. Son a cara menos visible dun sector no que aínda abundan os homes, pero no que a muller sempre estivo representada, xa que se trata dun oficio moi familiar.
Estímase que en Galicia traballan nas bateas máis de 700 mulleres. A cooperativa grovense conta neste momento con 58, algo máis dun terzo dos socios. Algunhas delas son mesmo patroas que levan o seu barco e teñen empregados a cargo. No caso de Sefa, que segue en activo con 62 anos, e no de Lola, de 78, a vinculación co mundo do mexillón chega de xeito natural, dende moi nenas. «Meu pai e meus tíos tiñan bateas, así que con doce anos xa andaba por alí axudando no que podía», comenta Sefa.
Lola comezou de xeito fortuíto no oficio mariñeiro, con dez anos, axudando a outras mulleres que o precisaban. «Elas gañaban vinte pesetas e eu dez, daquela aínda nin sequera había bateas en Meloxo», di. Traballou en viveiros de marisco e na fábrica de Rons, pero despois de casar, comezou a ir co seu home á batea de xeito continuo. Con el traballou man a man ata que xubilou, «e para min as palabras mar, batea, mexillón e Amegrove sono todo», conta emocionada.
Dedicáronlle estas mulleres a súa xuventude ao mar, foron quen de ter familia e conciliar a dedicación aos seus coa súa profesión, e subliñan que son afortunadas de ter traballado coas súas parellas de igual a igual naquilo que lles deu de comer. Cando elas comezaron o traballo esixía moito máis esforzo. «Non había tanta maquinaria, había que cargar sacos de 17 quilos ao lombo e facelo todo a man», lembran. «Aquilo era tremendo, da batea ao barco, do barco ao peirao e do peirao ao camión». Moitas horas que nunca foron obstáculo para pensar na alternativa doutro oficio que fose máis cómodo, pois devecen polo que fan.
«Eu non era menos ca un home»
Cando Lola comezou, alá polos anos 70, xa había mulleres no sector . «Os homes ían cargar, e a maioría delas ían axudar ao peirao», relata. Lola facía o mesmo traballo co seu compañeiro, botaba as mesmas horas e ningunha tarefa se lle impuña. Ían sobre os cancos, cargadas coas cordas, subíanas: «Eu non era menos ca un home», di lembrando o susto que levou cando nunha ocasión o barco se meteu debaixo da batea.
Tal era a paixón destas mulleres, que teñen estado no baile ata a madrugada, chegar a casa e mudar o vestido pola roupa de augas para ir ao mar tan felices. «No mar pasas moito frío e situacións moi incómodas, pero dáche moita liberdade», explica Ana, que chegou ao traballo hai 20 anos da man do seu home, a pesar de estar vinculada ao medio dende sempre. Colleu unha época menos complicada, con máis maquinaria a bordo, pero non exenta do esforzo que esixe a tarefa.
Hai dúas cousas nas que coinciden as tres: gozan do traballo e foron quen de compartir coas súas parellas o medio de vida, sen sentirse nunca menos ca eles.