Unha nova plataforma procesará os indicadores de saúde das especies marisqueiras en Galicia
SOMOS MAR
Os conselleiros de Mar e Facenda firmaron un novo protocolo de colaboración na súa visita ao CIMA
03 jul 2025 . Actualizado a las 05:00 h.Un sistema de información que permitirá dar soporte á xestión dos descritores do bo estado do medio mariño e da información sobre os indicadores de saúde das poboacións de marisco que se explotan en Galicia. Este é o obxectivo que onte anunciaron as Consellerías do Mar e de Facenda e Administración Pública dende o Centro de Investigacións Mariñas En Vilanova.
Marta Villaverde e Miguel Cortos, titulares de ambos departamentos foron os encargados de asinar un convenio que mobilizará un investimento de 187.000 euros, que serán financiados nun 70 % polo Fondo Europeo Marítimo de Pesca e de Acuicultura (FEMPA). Trátase, segundo a Xunta, de dar «cobertura a estes indicadores de saúde das especies marisqueiras a través da avaliación de stocks, información de capturas, que determinará os puntos de control, información da lonxa, con datos de extracción e venda dende as plataformas PescadeGalicia e Lonxas Galegas 4.0, ademais dos descritores do estado do medio mariño.
A colaboración entre as dúas consellerías fixo posible xa a implantación do programa de xestión e comercialización das lonxas e confrarías de pescadores, que axiña será ampliado.