Patrocinado porPatrocinado por

A unidade de microbioloxía do Intecmar: os ollos que vixían a contaminación invisible

Rosa Estévez
Rosa Estévez VILAGARCÍA / LA VOZ

SOMOS MAR

Martina Miser

O seu traballo non ten a proxección pública do que realizan alí ao lado a xente do departamento de toxinas, pero o grupo que lidera Cristina Álvarez cataloga as zonas de producción en función da presenza de contaminación por e-coli

13 mar 2023 . Actualizado a las 05:00 h.

A recortada costa galega ten a configuración precisa para facer de Galicia nunha potencia pesqueira, marisqueira e —por obra e graza do mexillón— acuícola. «Neses ámbito somos líderes», explica Cristina Álvarez. E remata a frase: «Iso implica que tamén temos que estar á vangarda en materia de control da calidade das augas das zonas de produción e da seguridade alimentaria». Ela pon cada día o seu gran de area para acadar ese obxectivo. Dirixe o departamento de Microbioloxía do Instituto Tecnolóxico para o Control do Medio Mariño (Intecmar), un edificio situado en Vilaxoán dende o que un conglomerado de científicos vixían o mar galego e todo aquilo que pode afectar as súas augas, ás zonas produtivas e ás especies que se teñen convertido nun alicerce da economía galega.

A equipa que dirixe Cristina está integrada por nove persoas que teñen unha misión clara: clasificar as zonas de produción en función da contaminación microbiolóxica que nelas se rexistra. Partindo dunha rede de douscentos puntos de recollida de mostras, repartidos por toda a costa galega, fanse análises da presenza de e-coli en molusco. «O e-coli é unha bacteria intestinal dos mamíferos que non é necesariamente patóxena, pero se hai elevadas cantidades de e-coli é indicativo de que hai materia fecal e polo tanto, de que existe o risco de que haxa outras bacterias e elementos patóxenos», explica Álvarez.

Os datos de cada analítica, lidos no contexto dos históricos que manexa a unidade, serven para dividir as zonas de produción da costa galega en tres categorías. As zonas A son as mellores, aquelas das que o produto pode saír directamente para o mercado, tendo que pasar unicamente o filtro de Sanidade. Para minimizar o risco de que aí xurdan problemas, a unidade de Microbioloxía analiza tamén a presenza de salmonela nas zonas de produción. É un exame que «a regulación non pide», pero que se aplica para dar axilidade ao sector e evitar problemas. De novo, di Cristina Álvarez, son esixencias do liderado.

Na unidade de microbioloxía analízanse cada ano máis de 2.000 mostras -o ano pasado foron case 3.000-, recollidas nos 200 puntos de control repartidos pola costa galega
Na unidade de microbioloxía analízanse cada ano máis de 2.000 mostras -o ano pasado foron case 3.000-, recollidas nos 200 puntos de control repartidos pola costa galega Martina Miser

As zonas B, as máis numerosas en Galicia, son aquelas das que se extrae marisco que antes de chegar ao mercado debe pasar unha fase de depuración. As C, poderán imaxinalo, son aquelas nas que os niveis de contaminación están por riba dos límites admisibles e das que o marisco só pode ser extraído se vai ser sometido a un tratamento térmico (como o da conserva) ou ben reinstalado nas dúas zonas que para tal fin existen na costa galega, unha na ría de Ferrol, a máis activa, e outra na de Aldán, que funciona moito menos.

Para determinar en que categoría está cada zona de produción, a unidade de Microbioloxía emprega dous métodos. O do número máis probable é o sistema clásico co que arrancou o servizo: esixe moito máis tempo e moitos máis recursos. Dende o 2006 está a empregarse, para algunhas especies, un sistema máis rápido e áxil, a medición de impedancia. Na súa posta a punto e na súa validación participou o equipo do Intecmar, un centro que ten demostrado a calidade do traballo dos seus equipos en máis dunha ocasión. 

Veñan por un camiño, veñan polo outro, cos datos obtidos trázanse unha vez por ano os mapas das zonas A, B e C de Galicia. Non son mapas estáticos: explica Cristina Álvarez que se revisan cada mes. Esa observación constante e ao longo do tempo permite saber que hai zonas da nosa costa que varían de categoría en función de factores do máis diversos. Por exemplo, hai áreas que ven empeorar a súa calidade cando chove moito, e outras que baixan de categoría cando chega o verán e as redes de saneamento e depuradoras non están preparadas para afrontar o bum turístico que vive a costa galega.

Pero a Unidade de Microbioloxía non só vixía os niveis de e-coli nas zonas de produción. O tempo gañado coa aplicación de novas técnicas, permite asumir outros traballos. Malia que non existe lexislación que obrigue a controlar a presenza de norovirus nas ostras, o departamento que dirixe Cristina Álvarez fai eses controis. «Non é fácil lexislar esta cuestión», explica a bióloga. De feito, Europa leva tempo dándolle voltas a unha cuestión especialmente importante naqueles países nos que hai un elevado consumo de ostra. Galicia participou nos proxectos que se desenvolveron hai anos para intentar por orde nese ámbito e, a pesar de que aquelas iniciativas non callaron nunha normativa, agora fanse análises de dous tipos de norovirus e máis do virus da Hepatite A.

Para poder facer algunhas desas tarefas, o persoal que forma a unidade —aquí hai biólogas, licenciadas en Ciencias do Mar, técnicas...— ten probado en moitas ocasións o seu talento, xerando a súa propia ferramenta e o seu propio material: mesmo foron quen de reconverter un taladro na máquina necesaria para extraer certas mostras, e elaboran o seu material para facer os controis de norovirus aplicando os métodos aprendidos durante un curso en Uppsala no que estivo representada a unidade.

«A verdade é que este é un equipo de xente que funciona moi ben. Un grupo moi formado e preparado», explica quen leva o mando do mesmo. Facilitarás súas compañeiras a formación e o intercambio de coñecemento a través da asistencia a todo tipo de cursos, seminarios ou congresos é un reto que a directora desta unidade ten asumido. «Penso que saír a formarse é moi enriquecedor para as persoas e para o conxunto do equipo». Mesmo é necesario, porque «temos que estar ao tanto das últimas metodoloxías» para poder seguir mantendo ese liderado científico que ostenta o Intecmar e que lle abre as portas a ser convidado a participar nos grandes proxectos e traballos que se desenvolven dende os centros de referencia de toda Europa. Cristina Álvarez mesmo formou parte do equipo de expertas que durante uns anos puxo a proba os sistemas de control dos distintos países e na redacción dunha guía comunitaria de boas prácticas pensada para homoxeneizar os traballos de control que se fan en toda Europa.