Patrocinado porPatrocinado por

Jose Ramón Manuel Bravo: «O mar chámache, pero haille que ter respecto»

Christopher Rodríguez
christopher rodríguez RIBEIRA / LA VOZ

SOMOS MAR

CARMELA QUEIJEIRO

O noiés comezou a navegar con case trinta anos, pero tivo tempo a percorrer as augas de Brasil, Rusia ou China

24 sep 2022 . Actualizado a las 05:00 h.

Non todas as grandes historias comezan dende o berce. Esas nas que queda claro que seus protagonistas están destinados á súa futura actividade dende o primeiro momento. Moitos dos mellores relatos chegan con unha situación que obriga ás persoas a dar un xiro de 180 graos.

Este é o caso de Jose Ramón Manuel Bravo (Noia, 1936), que a unha idade tardía para o que é habitual, con case 30 anos, optou emprender o camiño da navegación. Unha decisión que o levou a percorrer as augas de todo o mundo. Os portos de Brasil, Rusia, India e de decenas de países máis foron visitados por un home que dende ben pequeno foi «un mariñeiro en terra».

A traxectoria profesional de Bravo comezou na súa Noia natal, onde se formou como electricista, para posteriormente traballar co seu pai no taller familiar: «Con 28 anos, por avatares da vida, tocoume coller un tren e poñer rumbo a Oslo para embarcar alí. Non sabía nin inglés nin noruegués, polo que me deron o posto de maquinista en lugar de encargarme da electricidade».

Esta non foi a primeira relación do noiés co mar xa que realizara o servizo militar no Cuartel de Instrucción de Marinería en Ferrol. No país nórdico traballou tres anos, para despois navegar baixo bandeira alemá, brevemente, xa como electricista: «Desenvolvín a miña labor en múltiples barcos de varios países. Singapur, Suíza, Alemaña... A miña actividade foi case sempre en grandes petroleiros de 30, 40 ou 200 toneladas. O máis pesado no que estiven foi o Kyoto, de 450».

Jose Ramón Manuel Bravo prolongou o seu oficio como electricista naval ata os 50 anos cando, antes de poñer rumbo a Brasil, comezou a perder capacidade auditiva: «Fun a revisar o oído e detectáronme un cancro. Por sorte todo me foi ben e conseguín recuperarme. Volvín a navegar un pouco para matar o bicho pero terminei por deixalo. O mar chámache, pero haille que ter respecto».

O máis duro

Centenares de días e de noites en medio do océano dan para moitas reflexións e pensamentos, pero, sobre todo, o tempo parece que transcorre máis amodo cando se bota de menos na inmensidade das augas: «O máis duro é a soidade. Ao fin e ao cabo neses barcos eramos 20 persoas traballando e o sitio facíase moi grande. Botas moitísimo de menos aos teus seres queridos, iso é o máis complicado de todo».

Coñecedor deste sentimento tras vivilo en innumerables ocasións, o momento previo a embarcar non era menos complexo para o noiés: «Dun xeito xeral, todo o mundo ten medo a marchar e deixalo todo atrás. Unha vez que estás alí tes que cambiar de actitude aínda que non che guste, pero, ao final, a casa é a casa».

A pesares dos duros momentos que a actividade naval trae consigo, Bravo non esquece tampouco as miles de anécdotas e boas experiencias que lle supuxo navegar durante máis de dúas décadas da súa vida. Calcuta, Mar do Prata ou Xerusalén foron algunha das cidades que ao largo da súa traxectoria o electricista tivo a fortuna de poder visitar.

Aínda que seus pés pisaron algúns dos lugares mais carismáticos, icónicos e prezados do mundo, o noiés ten especialmente gravados na mente dous deles, separados por miles de quilómetros e un gran océano de por medio: «Nova York impresionoume moitísimo. Cando íamos aos Estados Unidos e atracábamos alí, adoitábamos dar paseos nocturnos polas súas rúas. Ese sitio deixoume abraiado».

Pero, a cidade que o namoraría para sempre non foi á americana, senón unha urbe coñecida por facer fronteira entre Europa e Asia, ademais de por ter sido o núcleo de tres dos grandes imperios da historia: Istambul. A capital turca é para unha voz autorizada coma Bravo «a cidade máis bonita do mundo», con moita diferenza.

Ao noiés o feito de ter percorrido gran parte do globo, veulle como anel ao dedo, xa que se define coma un amante de todas as culturas e como unha persoa de grandes inquietudes, que o feito de viaxar conseguiu satisfacer con creces: «O mar regaloume unhas ensinanzas moi valiosas. Tiven a sorte de coñecer decenas de países e estou moi satisfeito porque isto sucedese así. Sempre me gustou descubrir xente e saber do que me rodea. Grazas a isto cando chegaba aos sitios, xa ía coa lección aprendida».

A tranquilidade

Tralas aventuras, viaxes e «correrías que darían para unha larga conversa», na actualidade Jose Ramón Manuel Bravo, pasa o tempo na tranquilidade do seu fogar en Noia acompañado de súa esposa María Teresa, un lugar no que encontra plenamente a gusto. «Agora corto o céspede, coido das galiñas... e intento levar meus 86 anos o mellor que podo» comentou Bravo entre risas.

Con isto ten que ver a principal característica deste home afable, tranquilo e vívido que durante máis de vinte anos percorreu as augas de todo o mundo. O sorriso, algo que en ningún momento se desvanece do seu rostro cheo de lucidez e bo humor.

Esta é a historia dun noiés que pasou do seu humilde taller a iluminar enormes petroleiros perdidos no océano con electricidade e, sobre todo, coa súa alegría.