Patrocinado porPatrocinado por

Rosa Quintana: «O caso do Mediterráneo de hoxe é o que viviu Galicia nos anos 90»

e. abuín REDACCIÓN / LA VOZ

SOMOS MAR

Ve na Comisión Europea «un tinte moi medioambientalista» que no atiende a razones económicas y sociales que valgan

15 dic 2021 . Actualizado a las 04:45 h.

Rosa Quintana (Venezuela, 1959) admitía estar cansa despois dunha noite en vela, pero tras aterrar non lle esperaba a cama, senón unha mesa «a rebentar de papeis».

—Como se vive o Consello sen estar co ministro por primeira vez dende o 2017? Máis complicado?

—En Bruxelas as cousas sempre son complicadas. O que fixemos desta volta foi vir hai 15 días a entregar á directora xeral da DG-Mare (Asuntos Marítimos), Charlina Vitcheva, o informe de análise do impacto socioeconómico da primeira proposta que fixo chegar a Comisión. Ela nos agradeceu o traballo e creo que algo o tiveron en conta, porque no caso da pescada do sur se minorou bastante a baixada que tiñan prevista. Ao tempo, iso axudou a manter o badeixo, a suavizar o recorte do linguado do 15 ao 5 %... Pero foi duro, si. A Comisión que ten un tinte moi medioambientalista e non lle está dando suficiente peso á parte social e a económica, que é o que recoñece a política común de pesca (PCP). Un exemplo é a cigala do Cantábrico oriental: a proposta dos científicos era pasar do peche a 20 toneladas; aprobaron 14. Por que? Ni lo sé (sic).

—Tan mal parada saíu a flota?

—Todo o que sexa perder é malo. Saímos bastante mellor que na proposta orixinal que tiñamos...

—Non se compensan as perdas coas subidas en xurelo, rape, rapante, cigala...?

—Iso vai por portos. O incremento do rape lle vai compensar ao porto de Vigo e os que van sufrir un pouco máis son os de Celeiro e Burela, porque en pescada do sur xa ían bastante xustiños e ao quitarlle aínda é máis complicado.

—Cre que non se fixo todo o posible para evitar os recortes ou o comisario é tan inflexible como o pintan? —Dende España e as comunidades autónomas, Andalucía e Galicia, creo que fixemos o noso traballo e llo aportamos ao ministerio. E creo que o defenderon ben, pero temos unha Comisión moi medioambientalista, creo eu.

—Non é vostede a única. Quizás con outro comisario se podería conseguir manter o cupo de pescada? As negociacións sempre son moi complicadas. Son moitas horas, moitos debates, moitos intereses, cada un cos seus propios intereses de mercado... Hai que facer moita presión. Tamén creo que isto non se resolve nos últimos 15 días, senón que é un traballo continuo de todo o ano, pero dende logo o que non nos favorece en nada é a postura medioambientalista da Comisión.

—No comunicado tras o cumio se daba a entender certo malestar porque se votara en contra dos recortes no Mediterráneo e non os de Atlántico?

—Este ano o ministro votou en contra da proposta do Mediterráneo porque realmente estaba complicado, pero Galicia ten pasado tamén momentos moi complicados.

—Era entón a resposta que Galicia quixera para outras negociacións?

—Iso xa é pasado.

—De todos os xeitos, un recorte de máis de 5.000 días é comparable a un -8 % na pescada?

—Por iso digo que a situación do Mediterráneo de hoxe é o que viviu Galicia alá polos anos 90.

—Hai un 12 % máis de xurelo para pescar ao sur de Fisterra. Fai falta, cando este ano vai sobrar e a flota di que non hai?

—Hai que ter coidado con iso porque igual a Comisión entende que o xurelo está sobreexplotado e o que di a flota con que non hai xurelo é que, por unhas cousas ou por outras, por temperatura, claridade da auga, etcétera, non o pesca, pero non porque desaparecera.

—O sector di que esa provisionalidade en Gran Sol non é boa...

—É preferible non cerrar o acordo a cerrar un mal acordo. Agora hai que intentar chegar a un acordo co Reino Unido o máis rápido posible. Isto nós xa o avisamos cando foi do brexit, xa sabiamos que os ingleses ían poñer moitos problemas.

—Piden máis recortes?

—O que queren é recortar a nosa capacidade de pesca.