O litoral e o mar que nos une: novos rumbos
SOMOS MAR
Vimos asistindo nos últimos anos a unha serie interminable de reformas lexislativas tan restritivas como afastadas da realidade sobre as condicións nas que poderemos traballar os sectores clave da nosa economía litoral, o que afecta decisivamente ás expectativas de rendibilidade e á estabilidade a longo prazo dun dos máximos piares do tecido económico galego.
Sectores como a pesca, as depuradoras, as conserveiras ou a inmensa cadea multisectorial de empresas e traballadores que delas dependen (é dicir, o complexo mar-industria alimentaria do que vive a nosa costa) queren e deben deixar de ser obxectivo desas políticas alleas inxustificadamente restritivas, castigados polo feito de estaren obrigados a ocupar unha parte pequena do litoral, a explotar recursos mariños dunha maneira sostible, dificultándosenos conseguir un mínimo de rendibilidade que é compatible cos criterios de sostibilidade que marcan e perseguen sempre todas as nosas actividades.
En paralelo, tampouco somos alleos á crise económica xeral e acusamos fortemente algúns dos excesos da globalización, como o impacto nos prezos da disparidade nas condicións e custos produtivos de determinados países exportadores.
Vémonos así orfos a miúdo do mínimo apoio institucional, e mesmo enfrontados ás veces a un desapiadado despotismo regulatorio que, sen coñecer estes sectores, promulga normas tan maximalistas que asfixian ás empresas e non teñen en conta a sustentabilidade real e o grao de implicación e enraizamento destes sectores nas comunidades costeiras.
E todo isto cando os sectores marítimos somos enormemente sensibles aos cambios lexislativos, que por pequenos que parezan poden marcar ás veces diferenzas substanciais. Mentres, o noso tradicional individualismo e atomización deixounos inermes fronte ao lexítimo poder organizado do Estado, a Comisión Europea e algunhas oenexés ambientalistas que se erixiron en potentes lobis a cuxo lado a produción e a industria en xeral parecen ter claudicado sen razón.
Unha constatación que, se queremos seguir desenvolvéndonos de maneira estable e en condicións minimamente propicias, por forza hanos de conducir a unha conclusión: o potente grupo de sectores que traballamos no medio mariño necesitamos parar un momento para observar a evolución dos centros de decisión e influencia que nos están marcando cada día o campo de xogo, aprender e reencontrarnos, limando vellas asperezas e sentándonos todos xuntos para unirnos axuntando experiencias, forzas e sinerxias, como único modo de afrontar desde unha representación colectiva forte, rigorosa e eficaz os retos que nos trae esta nova época.
Contamos para iso coa tranquilidade de que non hai máis lexitimidade noutro lado, o dos incesantes procesos de regulación que nos condicionan a existencia, que en nós, os sectores receptores dunha regulación que só será lexítima e socialmente responsable na medida en que conte connosco para a súa construción, tal como con toda razón preconiza a lei europea do clima cando senta como base e premisa da acción de goberno o pacto social coas comunidades afectadas.
O futuro é agora. E nesa liña vimos de crear a Confederación do Sector Mar Industria Alimentaria, que xunta por vez primeira a sectores da cadea tan diversos como a pesca extractiva, as distintas acuiculturas ou a industria transformadora máis punteira, convencidos de que todos somos compatibles e necesarios, e formamos parte dun sector único que alcanzou a madurez precisa para traballar forte, unido e coa cabeza alta, seguros de ser o modelo de produción de proteína animal máis sostible do planeta.
Torcuato Teixeira, secretario xeral de Pescagalicia e Fernando Otero, secretario xeral da Confederación Nacional do Sector Mar Industria Alimentaria.