Mel do Courel que triunfa en París

Francisco Albo
Francisco albo QUIROGA / LA VOZ

GANADERÍA

Todas as colmeas da empresa O Galeirón están situadas na localidade de Mercurín
Todas as colmeas da empresa O Galeirón están situadas na localidade de Mercurín COMPASS ESTUDIO

A firma O Galeirón leva nun certame internacional dous premios platino que supoñen a máxima distinción

27 ene 2026 . Actualizado a las 12:07 h.

A empresa O Galeirón, do municipio de Folgoso do Courel, é unha das explotacións apícolas galegas que foron premiadas na última edición do certame Paris International Honey Awards. Levou dous premios platino —a máxima distinción—, un á calidade do mel e outro ao deseño. «Xa leváramos un ouro noutro concurso en Londres e estes son os únicos certames internacionais aos que nos presentamos», explica Blanca Fuentes Visuña, responsable da empresa xunto coa súa parella, Diego López Páez.

O nome da empresa foi tomado dun regato que corre xunto a unha alvariza que forma parte da explotación. Esta construción tradicional é propiedade da familia de Diego, que se dedicaba á apicultura para o autoconsumo. «Na miña familia tamén houbo produción de mel para consumo propio, pero nós decidimos dedicarnos a isto de maneira profesional», sinala Blanca, que traballa nesta actividade de forma exclusiva. Con esta intención fixo varios cursos no Centro de Formación e Experimentación Agraria de Monforte. Diego compaxina a apicultura con outra ocupación profesional.

Desde o 2019

A firma iniciou a súa actividade no 2019. Todas as súas colmeas —que oscilan entre 290 e 310, dependendo do ano— están situadas no monte de Mercurín, localidade onde viven os seus responsables. «Non queremos ter máis colmeas porque con estas xa son suficientes e se quixésemos ampliar a explotación teríamos que colocalas noutros lugares máis apartados, porque aquí xa non queda máis espazo», din os apicultores. Tampouco teñen previsto incrementar a súa produción, que é de arredor de 4.500 quilos por ano. «Hai xente que nos di que por que non instalamos máis colmeas para producir máis mel, pero para nós é moi importante que as abellas estean ben coidadas e para iso é mellor que nos manteñamos nestas dimensións», agregan.

O mel producido pola empresa distribúese a través de 35 puntos de venda repartidos por todas as provincias galegas, Cataluña e Madrid. A firma non conta con tenda en internet. «Preferimos manter un trato persoal cos clientes, cos que nos podemos comunicar por teléfono por wasap ou por Instagram», sinala Blanca Fuentes. «Tampouco facemos un seguimento automático dos envíos, senón que nos encargamos diso persoalmente para comprobar que todo foi ben mediante un contacto directo cos clientes», engade.

Envases da empresa O Galeirón que recibiron un premio platino ao deseño no certame internacional de París
Envases da empresa O Galeirón que recibiron un premio platino ao deseño no certame internacional de París COMPASS ESTUDIO (LUGO)

O produto premiado en París pola súa calidade é mel de bosque. A empresa elabora esta variedade e tamén mel multifloral, no que predomina o castiñeiro. En todos os casos, explica Fuentes, trátase de mel cru sen filtrar. En canto ao deseño dos envases, que tamén recibiu un galardón, foi creado polos responsables de O Galeirón en colaboración coa empresa lucense Color Cursiva. Os tarros, con tapas de bronce, foron fabricados pola empresa valenciana Vitroval.

Os premios conseguidos no certame internacional de París supoñen unha gran satisfacción para a pequena empresa apícola do Courel. «Pero alegrámonos tamén moito que fosen premiados outros apicultores de Galicia, porque é importante compartir estes galardóns, aínda que quen máis merece os premios son as abellas, que son uns seres extraordinarios», comenta Blanca Fuentes.

Protección das abellas contra ataques de osos e velutinas

As colmeas da empresa O Galeirón, como a maioría das que hai na serra do Courel, están protexidas por pastores eléctricos contra os posibles ataques do oso pardo. Aínda así, sufriron un par de incursións deste tipo hai algúns anos. «Unha vez o oso saltou o muro da alvariza e conseguiu meterse dentro, polo que tamén a protexemos con fíos eléctricos», indica Blanca Fuentes. O outro ataque, continúa, «foi por un descoido noso, porque non deixamos o apiario ben protexido». Unha cámara automática chegou a gravar imaxes do animal, que foron enviadas á Fundación Oso Pardo. Esta entidade confirmou que se trataba dun exemplar xuvenil de oso pardo.

Os responsables da firma din que non sufriron máis ataques de osos, deixando aparte estes dous incidentes. «Pensamos que se se toman as precaucións necesarias os apicultores podemos convivir con eles», afirman.

Os apiarios de O Galeirón deben protexerse tamén contra os ataques das velutinas, que son especialmente importantes entre os meses de setembro e outubro. Para defender as abellas, os apicultores instalan unhas corenta trampas nos arredores. «Comezamos a colocar as trampas en marzo, seguindo indicacións de expertos, e así conseguimos defender as colmeas, aínda que os ataques chegan a ser moi duros», apunta Fuentes.

Efectos dos incendios

Outro problema que tiveron que afrontar os apicultores de Mercurín desde que puxeron en marcha a empresa foron os efectos dos incendios forestais, particularmente o que sufriu a serra do Courel na segunda quincena de xullo do 2022. O lume chegou a aproximarse a uns cincocentos metros dun dos seus apiarios. «As nosas colmeas non chegaron a arder, pero despois as abellas sufriron moito pola perda da vexetación, que as deixou sen unha importante fonte de alimento, e deunos tamén moita pena por outros apicultores da zona que perderon as súas colmeas a causa do lume», apuntan.

Desde que comezou a súa actividade, sinalan así mesmo os apicultores, as dúas mellores colleitas de mel que tiveron foron a dos anos 2024 e 2025.