Patrocinado porPatrocinado por

«O xurro non é un residuo, senón un recurso a xestionar ben»

L. garcía / p. blanco CARBALLO / LA VOZ

GANADERÍA

ANA GARCIA

Juan Castro Insua, enxeñeiro agrónomo e investigador no CIAM, insiste ademais na vital importancia do óptimo emprego das «augas de limpeza»

27 oct 2022 . Actualizado a las 09:25 h.

Enxeñeiro agrónomo e investigador no CIAM, Centro de Investigacións Agrarias de Mabegondo, Juan Castro Insua impartiu este luns na EFA Fonteboa de Coristanco unha charla sobre a xestión de «augas sucias» e de limpeza nas explotacións gandeiras. Antes desa sesión, Castro pasou polos estudos de Radio Voz en Carballo para participar en Voces do Agro.

—Leva anos investigando en puríns. Cal é a súa tarefa actual?

—Seguimos con esa liña, que é fundamental, e coa que aínda falta moito por facer en canto a asesoramento a pé de campo sobre o tema do uso do purín como un recurso. Creo que é un tema de actual importancia pola crise dos insumos, sobre todo fertilizantes químicos. Galicia ten potencial de economía circular, de reciclar eses abonos orgánicos, xestionalos correctamente. Vinculado a isto, aínda hai pouco saía o Plan Hidrolóxico Galicia Costa, e estamos aí traballando coa biodiversidade agraria e novas liñas que poden saír na nova PAC.

—Dicía hai uns días que a auga é un ben escaso, útil e susceptible de usos alternativos. É paradóxico dicir en Galicia que escasea?

—É unha riqueza que, como galegos, aínda que estamos acostumados a tela, deberiamos aprender a aproveitala. O noso caso, evidentemente, contrasta co da España seca, onde hai problemas moi graves de falta de auga para cultivos, pero quizais co cambio climático temos que ir empezando a prever esta falta de regularidade que antes tiñamos. Pensar, por tanto, no almacenamento da auga, que se ben no inverno pode haber, igual no verán escasea.

—Benestar animal e consumo de auga, un indicador claro.

—Outro factor polo cal Galicia produce o 40 % do leite de España. Temos unhas condicións excepcionais porque o noso réxime de temperaturas é o máis adecuado. Cando este verán vía 40 graos por Aragón, eu preguntábame por esas vacas: como estarán, poderán producir leite? Polo tanto, non só é auga, tamén está este clima: que mellor benestar e máis aínda se as vacas poden saír, pacer, estar á sombra...? A auga dende logo é básica, sen auga limpa non facemos nada, nin os humanos nin os animais.

—Canto bebe unha vaca ao día?

—Mellor que dar datos, case explicar como se obteñen. Isto vai estar en función do leite producido e o tipo de ración que consume o animal. Canto máis seca sexa, máis beberá a vaca. Tampouco é o mesmo unha vaca en pastoreo, por exemplo. Cabe sinalar aquí tamén o consumo de auga verde, a que nos cae de arriba, da choiva, esa que en Galicia é abundante, esa que pace o gando na herba mollada, húmida, coma nós cando consumimos unha leituga, distinto a se consumiramos materia seca. Por dicir unha cifra, unha vaca de alta produción anda entre os 100 ou 120 litros de auga [ao día], pero tendo en conta outros factores, como o maior consumo no verán ou o emprego de auga de limpeza, tamén clave.

—A xestión de pluviais. Que se está a facer hoxe con elas, de momento deixalas escorrer?

—É unha das partes onde máis podemos actuar, na xestión das augas de limpeza. Por que non usar as augas dos tellados para non tirar da traída, que tamén se precisa para usos domésticos? Aínda non estando limpa de todo, pódese empregar sen problema para limpeza de corredores, da sala de espera do gando... E aí é onde hai que ter maior coidado, porque é o onde se pode disparar o consumo, igual ca nos bebedeiros. Cómpre vixiar que non estea correndo a auga por estar mal axustados, desbordados... Importante: esa auga non pode ir á fosa de xurro, temos que separar o que é abono para poder usalo como tal e non meter auga de choiva mal xestionada aí e que ao final ocupa volume.

—É doado? Esixe investimentos?

—Primeiro esixe concienciación, pero ti vas moitas veces a unha explotación e ves canalóns con terra, rotos, caendo auga do tellado para a fosa ou mesturándose coa bosta do gando. Isto xa imposibilita que unha auga que podería ir ao río ou pola finca abaixo poida facelo, contaminaría.

—É vostede un defensor do uso do purín como fertilizante.

—Da merda, si. Na xestión de puríns teñen un importante traballo nas escolas, porque o que falta é formación. O xurro non ten un valor comercial, pero si económico para reducir custes nas explotacións, e ademais ten máis vantaxes que os abonos químicos. Xestionámolo mal e tirámolo incluso indo en contra da nosa propia imaxe. Temos que axudar aos gandeiros a xestionar ben ese recurso, que non é un residuo, é un recurso. Hoxe unha vaca pode producir en abono 500 euros ao ano. Non é desprezable. O problema é que se en vez de almacenalo ben enchemos as fosas de auga e chega o inverno e rebordan, ao final isto obriga a tiralo cando non é o momento. Pregunta: hai algún gandeiro de vacún que non compre abono químico? É a proba do algodón: no momento no que compramos abonos químicos é porque non nos sobra o orgánico, que por certo ten carbono, vida para o solo, mellorando a fixación de C02. O carbono é moi importante para a tarefa de esponxa que ten o chan: unha das mellores formas de conservar a auga é esa, almacenala o solo. Hai moito por facer e tamén por explicar.