A Xunta pon en valor o porco celta en Friol

O conselleiro de Medio Rural, José González lembra que o goberno galego destinou desde 2010 uns 760.000 euros á recuperación, conservación e fomento da raza 


LUGO / LA VOZ

A Xunta investiu dende o ano 2010 arredor de 760.000 euros para financiar o programa de recuperación, conservación e fomento da raza autóctona gandeira porco celta e ten previsto manter un esforzo orzamentario semellante e proporcional para o vindeiro período 2020-2023. Estes fondos serviron para financiar os diferentes convenios asinados para esta finalidade coa asociación de criadores Asoporcel, segundo destacou hoxe o conselleiro José González na súa visita a unha explotación de porco celta na localidade de Friol.

O titular de Medio Rural salientou que o sector porcino ten unha gran importancia e dimensión na nosa comunidade, xa que abrangue arredor de 1.150 explotacións industriais (sen contar as de autoconsumo), cun censo total de 1.200.000 animais. Neste contexto, José González puxo en valor a existencia dunha raza autóctona propia, como é o porco celta, que _dixo o conselleiro_ destaca pola súa calidade e polo feito diferencial que representa dentro da cabana gandeira galega.

Tendo en conta esta relevancia do porco celta, a Xunta colabora con Asoporcel na preservación do seu patrimonio xenético e, de modo xeral, no seu mantemento en pureza dentro de condicións naturais axeitadas. Nesta liña, o conselleiro cualificou como «explotación singular» a visitada hoxe en Friol, xa que incorpora unhas novidosas instalacións modulares, transportables e de funcionamento autónomo, que favorecen o aproveitamento silvo-pastoril do monte en réxime semi-extensivo e contribúen a poñer en valor esta raza.

González sinalou que este tipo de explotacións teñen diferentes vantaxes. Entre elas, destacou o feito de seren máis viables economicamente e de contribuír, polo tanto, a obter unha maior rendibilidade coa actividade gandeira ou o de favorecer un aproveitamento óptimo da matogueira para a alimentación do gando, de forma que se consegue unha prevención efectiva fronte os incendios forestais. Así, no caso concreto do porco celta, está demostrada a capacidade desta raza como «rozadoira natural» no monte.

Por todo o dito, o conselleiro remarcou que este tipo de actuacións encaixan plenamente coa filosofía e cos principais obxectivos que persegue a Xunta para o rural galego, como son a mellora da rendibilidade das nosas explotacións, a aposta pola calidade das producións agrogandeiras e a prevención e defensa dos lumes.

Newsletter Somosagro

Recibe todas las semanas la información más relevante del sector primario

Votación
3 votos
Comentarios

A Xunta pon en valor o porco celta en Friol