Ocume da Fisterra é o Olimpo celta para a historia romántica, abondoso en restos arqueolóxicos que deron alento ás lendas de tradición oral e o envolveron nos mitos ilustrados, do pai Sarmiento ata hoxe. Arde o Pindo pero non o monte, senón o pico, o macizo granítico, porque para os galegos o monte non é un sitio alto ou que ten árbores. Estar a monte non é ser alto, senón non estar cultivado. Por iso se aplica ás persoas non cultivadas, non educadas. Aínda que este é mais ben un punto de vista vilego. Non nos confundamos, o monte non se traballaba como as terras de labranza, pero non estaba inculto; traballábase doutro xeito: rozas, pasteiros, devesas e madeiras, toxeiras... Por iso o profesor Balboa describe o funcionamento da agricultura do monte e o cultivo do toxo, do que ben saben todos os vellos que aínda o fixeron. Das funcións que segundo nos lembra o profesor Carreira poden cumprir hoxe os montes: produtiva, recreativa e ambiental, os do Pindo non cobren malamente ningunha.
O Pindo tampouco é un pico, é unha parroquia que da nome aos seus montes. As mesmas mulleres do Pindo que o fotógrafo francés J. Deleuze retratou en 1961 naquela praia cargando algas nos carros para estercar as terras puido telas fotografado collendo o monte para o mesmo trelo, pois era unha das principais funcións do mato que a xente coidaba para coller. Se o Pindo fora monte de verdade, estaría traballado. Para ser propiamente monte para nós debería cumprir algunha función máis que ser depósito de lendas. Daquela non ardería como o fai.
