José Luis Méndez Paz comparte o legado e a tradición dunha das adegas senlleiras da denominación, Campante, cunhas fillas seducidas polo viño
18 may 2008 . Actualizado a las 02:00 h.O viño é unha paixón. Unha relixión sen máis deus que a terra e unhas boas castes para crear un viño que é diferente cada ano e que, dentro da mesma colleita, vai evolucionando e cambiando co tempo. E diso, de viticultura, e de paixón, a que hai que poñer para loitar contra o abandono e o esquecemento para recuperar viñedos e modernizar a produción, saben moito en Bodegas Campante. Tanto como que levan máis de 70 anos cunha adega na denominación de orixe máis recoñecida de Galicia, e dende hai anos con outra en Rías Baixas -Morgadío-, e que son a empresa familiar máis grande do Ribeiro.
O proxecto que ten o seu corazón na Finca Reboreda, en Toén, vai xa pola terceira xeneración. Nos anos 40 fundaba Manuel Méndez Villanueva a empresa e o relevo tomouno o seu fillo José Luis. Hoxendía conviven en Bodegas Campante a experiencia e a tradición, que representan os moitos anos de saber que garda José Luis Méndez, e as novas iniciativas e inquietudes que aportan Ana e Laura Méndez. Incorporadas en 2001 e 2002 á empresa familiar as dúas recoñecen que o mundo do viño é diferente: «É algo que te engancha. Coñeces xente que comezou sendo distribuidor, ou achegándose ás feiras por curiosidade ou por interese e que logo remataron creando o seu propio viñedo e a súa adega. Son casos moi frecuentes» apunta Ana.
Un mundo de homes
A José Luis Méndez a sinceridade pódelle cando recoñece que se sinte encantado de compartir un proxecto emblemático na denominación: «Non contaba con que elas se adicasen a isto, máis empezaron a meterse e comezou a gustarlles e representan o cambio que lle facía falta ó Ribeiro. No Ribeiro é preciso acelerar o cambio ás castes autóctonas e o das estructuras, mais o urxente e o verdadeiramente importante é o relevo xeneracional, ter xente nova que tire por isto, que crea no futuro dos nosos viños e que aposten por eles». Un futuro que este veterano da denominación ve mellor ca nunca «porque temos viños de alta calidade e a aposta do Consello vai por aí. Os nosos blancos son dos mellores e agora hai que traballar para recuperar os tintos».
Ana e Laura forman un equipo perfecto co seu pai: a segunda céntrase non as-pectos burocráticos e fiscais dende a súa condición de avogada -«este é un mundo complicado ao principio, máis logo vaite enganchando e disfrutas moito co que fas, coa finca, cos novos proxectos que queres poñer en marcha»-, mentras que a primeira xoga un papel primordial coa súa presencia en feiras, convencións e na apertura de novos mercados. Dende a súa experiencia Ana fai fincapé nunha das eivas do sector: «O que si comprobas é que o do viño sigue sendo un mundo de homes, no que moitas veces non te valoran polo que fas ou polo que representas. Outras a referencia é que eres a filla de...». O pai asinte coa cabeza, aínda que hai coincidencia á hora de recoñecer que se están a dar importantes avances e que figuras como a de Marisol Bueno, ex presidenta de Rías Baixas, contibuiron a eses cambios.
Do tostado ó descafeinado
En Campante tamén hai unha convivencia perfecta á hora de traballar nos novos proxectos. Ás marcas recoñecidas e premiadas, co Gran Reboreda como referente, únense novas propostas: o pai está pola labor de prestixiar os tintos e Laura e Ana aportan a variedade e innovación asociada á elaboracións como o licor café descafeinado ou o tostado. Este último esgotado desde que o sacaron ó mer-cado, como lembra Ana.
