Unha exposición montada pola asociación San Pedro reúne na Serra máis de duascentas pezas antigas
25 mar 2008 . Actualizado a las 02:00 h.Coñecer de preto os costumes e a forma de vida dos avós é posible mediante unha exposición que montou a asociación de veciños San Pedro de Outes. Trátase dunha colección de antigüidades integrada por máis de duascentas pezas, que pode visitarse no local social da Serra.
O valor dos elementos que integran esta colección é, por unha banda, etnográfico, xa que permiten aos visitantes regresar ao pasado e comprobar como eran os aparellos cos que se levaban a cabo tarefas en desuso na actualidade. De feito, a exposición está integrada por apeiros de labranza, utensilios domésticos, pezas de lenzo e liño, artigos de oficina, vellas radios e vitrolas, ferramentas de traballos propios da zona, entre os de abundan os de carpintería, pezas de muíños, enfeites, máquinas de amendar, detalles relixiosos, algúns libros e documentos, billetes de curso legal e outros útiles diversos.
Pero esta colección tamén agocha un gran valor sentimental, posto que está integrada por pezas que foron doadas polos socios da entidade de San Pedro de Outes e por veciños do municipio que quixeron así facilitar unha viaxe ao pasado.
Fins históricos
Os directivos do colectivo veciñal xustificaron a decisión de argallar esta mostra co ánimo de ofertarlle aos cidadáns a posibilidade de amosar utensilios de antano e tamén co obxectivo facilitar que cada quen puidera dar a coñecer pezas antigas para perpetuar na memoria a vida, os costumes, as tradicións e, en definitiva, a historia dos habitantes da Serra.
Deste xeito, os responsables da asociación San Pedro destacaron que ademais de tratar de resolver cuestións relacionadas coas carencias que ten a localidade, tamén tentan enriquecer e dinamizar a vida social da zona mediante a organización deste tipo de actividades.
Pese a todos os atrancos que tiveron que superar para conseguir reunir máis de duascentas pezas, a experiencia foi cualificada como moi positiva, dada a boa acollida que está tendo a exposición. Por iso, a entidade agradece a colaboración que prestaron os veciños.
Todas aquelas persoas que desexen viaxar ata o pasado dos outienses teñen a oportunidade de facelo ata mediados do vindeiro mes de abril. O local social da Serra abrirá as portas todas as tardes.
