Patrocinado porPatrocinado por

José Manuel Rodríguez, xerente da cooperativa Lemos: «A compra de Celega foi a nosa salvación»

Carlos Cortés
Carlos Cortés MONFORTE / LA VOZ

AGRICULTURA

José Manuel Rodríguez di que a cooperativa Lemos non precisa crecer, pero que tampouco se pechan a incorporar outras entidades se encaixan coa súa filosofía
José Manuel Rodríguez di que a cooperativa Lemos non precisa crecer, pero que tampouco se pechan a incorporar outras entidades se encaixan coa súa filosofía CEDIDA

Na cooperativa monfortina din que se absorberon Cogapen é só porque ambas entidades encaixan ben

10 mar 2024 . Actualizado a las 10:20 h.

Desde o seu posto de xerente da Cooperativa Lemos, José Manuel Rodríguez leva 30 anos como espectador privilexiado do longo proceso de concentración que deu paso ás actuais grandes cooperativas gandeiras galegas. Lemos é unha delas, aínda que a veces poida non parecelo porque a súa presenza pública está moi por debaixo da que teñen outras. E agora esta cooperativa con sede en Monforte é aínda un pouco máis grande, despois da absorción da sarriá Cogapen, anunciada este mércores.

—Levaban moito tempo negociando con Cogapen?

—A Lemos gústalle facer sempre as cousas sen ruído. Falamos das cousas cando están feitas. Levabamos falando con eles desde hai aproximadamente un ano, sempre con discreción.

—Resultou difícil?

—Foi sinxelo. Eles chamaron á nosa porta, e dixéronnos que querían volver ser unha cooperativa de servizos. Tiveran baixas por xubilacións e tiñan interese por asociarse ou por ise a outra cooperativa que estivese facendo máis cousas. Dá a sensación de que hoxe en día, e iso non é algo que pase só no sector primario, todo se volve medrar e medrar, e a veces sen demasiado control. Iso no sector primario pode levar a converter as cooperativas case en sociedades tipo SL nas que os clientes ou os provedores, que os socios son as dúas cousas, acaban sendo un mero número. E nas cooperativas galegas non estamos preparados para que os socios sexan un número. Non vou dicir que en Lemos os socios sexan como da familia, pero si teñen unha relación estreita coas persoas da cooperativa que estan con eles no traballo diario, como podo ser su, os técnicos agrónomos, os veterinarios, os camioneiros que recollen o leite e os becerros e lles reparten o penso. Se teñen un problema un problema en sábado ou domingo sempre lles hai quen se encarga de resolvelo. E asi queremos seguir, como unha cooperativa de servizos na que os socios se sintan parte e ben tratados.

—Cogapén deixara de prestar servizos aos socios?

—Deixaran de ser primeiro comprador e de comercializar carne. Iso si, tiñan e conservaban unha boa sección de servizos de maquinaria.

—Que retos presenta para Lemos a absorción de Cogapen? Non vai supor moito gastro extra a expansión á comarca de Sarria?

—En realidade, na comarca de Sarria xa estabamos presentes, sobre todo despois da compra hai sete anos da fábrica de Celega no Saviñao. Na comarca de Sarria xa tiñamos catro redes de recollida de leite e tamén hai unha ruta feita de reparto de penso. Os socios de Cogapen están sobre todo entre o municipio do Incio, no que nós temos moita presenza desde hai máis de vinte anos, en Sarria, na que tamén tiñamos xa gandeiros, en Samos, onde tamén tocamos xa desde hai anos. Problemas? En principio non os vemos. O que nos propoñemos é dotar a todos eses socios os mesmos servizos que teñen todos os demais socios de Lemos.

—Hai en Sarria instalacións que Lemos poida aproveitar?

—Si. Cogapen ten no centro do territorio no que están os seus socios unha nave que estaban utilizando como almacén para a maquinaria e para os insumos. E tiñan tamén a maquinaria, un parque importante. Esas instalacións van pasar a ser unha delegación das que temos en Monforte.

—As súas primeiras instalacións fóra de Monforte, porque ata agora non tiñan ningunha, non?

—Non, e iso que nalgunha ocasión xa pensáramos en abrir algo pola área de Sarria, para atender mellor aos socios que tiñamos alí.

—Así que a integración loxística vai ser doada. Pero o perfil dos gandeiros de Cogapen é semellante aos de Lemos, que ten un 80% de produtores de leite e un 20% de carne.

—Os socios que veñen de Cogapen son un 60% produtores de leite e un 40% de carne, máis ou menos. O que pasa é que por volume de negocios, o leite suponlles un 80% e a carne un 20%. Si, son perfís semellantes.

—As cooperativas galegas levan moito tempo en proceso de concentración. Lemos mantívose á marxe des proceso, agás pola incorporación no 2002 dunha cooperativa do Incio. A compra de Celega no 2017 e agora a absorción de Cogapen supoñen un cambio de enfoque? Hai que agardar novos pasos seus nesa dirección?

—Non. Cada cooperativa e cada comarca ten unha forma de ser que probablemente veña marcada polo espírito co que naceu. Eu levo 30 anos en Lemos e a cooperativa foi fundada hai 47. E desde que cheguei, o consello reitor e os socios sempre me dixeron que non había que perder esa unión que había e hai entre todos. Cogapen era unha cooperativa veciña e coñecémolos porque os seus gandeiros están metidos entre os nosos. Eles saben ben cal é a nosa forma de traballar. Encáixannos. O mellor noutra comarca con outra filosofía de compras ou de vendas non nos encaixaba tanto.

—Así que non se trata dun movemento premeditado para crecer.

—Se se nos achegan outras que están na nosa contorna e que nos encaixen, non temos problemas en repetir esta operación. Pero tampouco temos a necesidade.

—Lemos incrementou facturación moi rápido o 2021 e o 2022. Como vai ser o peche do 2023?

—Con crecemento, pero máis moderado que os dous exercicios anteriores. Os incrementos do 21 e do 22 viñan sobre todo da suba do prezo do leite e dos concentrados de penso, pero o ano pasado eses prezos en xeral mantivéronse, xa non subiron, de maneira que iso se vai ver tamén no balance anual. E co balance de Celega do 2023 vai pasar igual.

—E cal é a tendencia para o 2024?

—Agora está baixando moito o prezo do cereal e desgraciadamente tamén vai baixar o do leite. Probablemente no 2024 non nos quede outra que vender máis se queremos manter as cifras de facturación. No 24 ou vendemos máis volume ou baixamos, nós e todo o sector.

—Sete anos despois, parécelle que acertaron coa compra da fábrica de Celega?

—A compra de Celega foi a nosa salvación. Se nos o chegamos facer, hoxe estariamos en mans da industria xenérica. Refírome a calquera que recolla aquí, que a maior parte delas xa son de capital foráneo. E non sei se a cooperativa se mantería. As cooperativas que non transforman e non comercializan os produtos dos seus socios non teñen futuro.