O CARTAFOL | O |
13 dic 2004 . Actualizado a las 06:00 h.SON AS abellas pequenos insectos, pero moi traballadores e importantes polo atractivos que resultan tanto o mel como a cera. Está máis que demostrado que existe a comunicación no reino animal. As abellas, segundo a orientación do sol, describen unha danza circular diante dos covos cando o néctar está cerca e unha danza oscilante cando está un pouco máis lonxe. No noso contorno, en épocas pasadas non había que preocuparse da alimentación das abellas melíferas. Florecían os campos, o toxo, as silveiras, as nabeiras. E aló ían estes bichiños laboriosos para beber, para chuchar o néctar e carrexalo ata a colmea. Hoxe hai menos flores porque desapareceron os valados ao abrir as pistas, arde o toxo, os terreos quedan en campo e proliferan os eucaliptos. Hai que botar man da alimentación artificial e a calidade do mel diminúe. Na miña casa tiñamos colmeas. Poñiámoslles toxos arredor para que non peteirasen as galiñas, que escaravellaban entre as plantas de té que medraban a carón dos covos. Era necesario combater a praga das formigas. Por múltiples causas, foron morrendo ata non quedar ningún. Axudaron o clima húmido, os longos invernos e os pesticidas empregados na agricultura. En ocasións chegaba a haber dous enxames no mesmo covo. Á hora da siesta tiñamos que vixiar para seguilas e ver onde se pousaban. Normalmente pousábanse nas pólas ou nas maceiras da eira; mesmo algunha vez entraban directamente nalgún covo baldeiro ou na alacena da parede do hórreo. Colocabamos un recipiente con mel para atraelas. As colmeas tiñámolas na eira ao lado da porta da casadeira, polo que había que ter moito coidado ao pasar para coller as aveas ou para acceder ao hórreo, cousa que había que facer con frecuencia. Os veciños viñan axudar de mala gana, sobre todo o día da malla do trigo, por medo ás picaduras. A nós éranos igual, xa estabamos acostumados e non sentiamos o perigo. Aínda que nos picase unha de vez en cando, non lle dabamos maior importancia. Quero citar un relato de Manuel Rivas titulado A vella raíña alza o voo , do libro Ela, maldita alma , onde di: «As colmeas foran sempre unha parte sobranceira na facenda familiar. Eran como unha vacina secreta á que se lle atribuía a lonxevidade do clan». Un enxame pousárase na horta do veciño, e este apoderouse del porque «un enxame que abandona a colmea pertence a quen o atrapa. Non era un roubo».
