O formato presentado por Hugo Pérez estréase o xoves 12 de febreiro, ás 22.50 horas, na Televisión de Galicia
11 feb 2026 . Actualizado a las 15:23 h.Hai historias que non nacen nun plató, senón moito antes. No caso de Hugo Pérez, comezan cunha cabra chamada Rubia. Aquel animal que pediu aos seus pais con dezaseis anos acabou sendo o xerme dunha forma de entender a vida e, agora tamén, da súa nova aventura profesional. O xoves 12 de febreiro, ás 22:50, a Televisión de Galicia estrea Somos Animais, un programa que propón mirar as mascotas desde a comprensión, a educación e o respecto.
Producido por Voz Audiovisual, o espazo articúlase en quince episodios que percorren distintos puntos da xeografía galega. O equipo, liderado por Hugo coma presentador, desprazase a contornas rurais e urbanas, desde pequenas parroquias como Liñariños ata cidades como Vigo e A Coruña, para coñecer de primeira man trinta historias reais protagonizadas por persoas e os seus animais. Cada caso funciona como unha xanela aberta a conflitos habituais, pero a miúdo silenciados: agresividade, celos, ansiedade, medos persistentes ou condutas herdadas de experiencias traumáticas.
Lonxe de buscar o impacto fácil, o formato aposta por unha mirada comprensiva. En cada entrega, os protagonistas expoñen as súas dificultades e reciben o acompañamento dun equipo de especialistas en comportamento animal, que analizan as causas dos problemas e propoñen pautas profesionais adaptadas a cada situación. Entre eles destaca a presenza de Jorge Vázquez, que se converte nun dos rostros recorrentes ao longo da tempada e nun apoio fundamental para os participantes.
Aínda que cans e gatos ocupan un lugar central, o reality dá visibilidade a especies menos habituais na televisión: burros, cabalos, porcos e outros animais que forman parte da realidade cotiá de moitos fogares galegos. A diversidade animal eríxese como unha das sinais de identidade de Somos Animais, con historias como a de Morucha, unha burra de Touro cuxa dona desexa aprender a montar, ou a de Pegaso, un cabalo de Salceda de Caselas que superou un cólico.
E non só iso: ao longo das entregas, o espectador accede tamén a recomendacións prácticas relacionadas coa alimentación, o exercicio, a socialización e o benestar emocional das mascotas da man de clínicas veterinarias e centros especializados. Porque, como indica o seu condutor, «trátase dun formato para rir e aprender».
A comprensión animal é a clave
Somos Animais supón o debut de Pérez como presentador dun formato propio na canle pública galega, un paso que chega tras anos de exposición mediática e unha forte presenza nas redes sociais, onde máis de 700.000 persoas seguen o seu día a día. Nesa traxectoria, tanto en Instagram como en espazos televisivos de gran audiencia, como a décimo quinta edición de Gran Hermano ou La isla de las tentaciones, o vínculo cos animais foi sempre un elemento recorrente.
Esa faceta, que o bueués compartiu durante anos nas redes sociais, é agora o fío condutor dun proxecto que reivindica así unha mensaxe clara: a educación animal e a responsabilidade dos donos van da man. Comprender a orixe das condutas problemáticas é o primeiro paso para abordalas, e a idade do animal non debe ser vista como unha barreira. O programa insiste en que nunca é tarde para mellorar a convivencia e fortalecer un vínculo que, en palabras do propio Pérez, resulta ser «máis profundo e máis forte do que moitos imaxina».