«Atrápame se podes» e Rodrigo Vázquez manteñen o seu idilio despois do Nadal: «Que veñan polo premio»

Lucía Nieto
Lucía Nieto REDACCIÓN / LA VOZ

SOCIEDAD

Rodrigo Vázquez, presentador de «Atrápame se podes»
Rodrigo Vázquez, presentador de «Atrápame se podes» Ana Reino

O programa regresa o luns 12 de xaneiro co xornalista ourensán á fronte e cun bote que parte dos 10.000 euros, para o que xa está aberto o casting de concursantes

11 ene 2026 . Actualizado a las 05:00 h.

Tras deixar atrás os días de celebracións, chega o momento de recuperar a rutina diaria. Un regreso que non sempre resulta doado, pero ao que Atrápame se podes pretende engadirlle un toque distinto. O concurso volve á grella da Televisión de Galicia coa súa edición regular e cun obxectivo claro: facer máis amenos e entretidos os mediodías da audiencia, de luns a venres, arredor das 15.40 horas.

Con esta volta, o espazo despídese de maneira definitiva dos especiais de Nadal, unha etapa que se prolongou durante tres semanas e que reuniu vinte caras coñecidas do audiovisual galego xunto con vinte e cinco nenos e nenas de toda a comunidade. Todos eles puxeron a proba os seus coñecementos e a súa rapidez mental nunha edición marcada tamén polo seu carácter solidario, xa que a totalidade do recadado se destinou a distintas oenegués galegas.

Eddy Ínsua, Violeta Crespo, Aitana del Mar, María Lamela ou Miguel Mandayo foron algúns dos protagonistas deste especial concibido para gozar en familia e que contou cunha boa acollida por parte do público. Agora, a quenda é para novos concursantes, xa anónimos, dispostos a seguir ofrecendo momentos de diversión e complicidade desde a pantalla.

View this post on Instagram

Funcionamento e novidades

A nova etapa, que se estreará o luns 12 de xaneiro, manterá a estrutura habitual do formato, composta por cinco roldas eliminatorias. Ao longo das distintas probas, as cinco persoas participantes deberán responder a diferentes cuestións, tanto de xeito individual como por parellas, co fin de avanzar e continuar en xogo. Todo nun espazo no que as preguntas fan referencia á realidade máis próxima aos espectadores. A temática abrangue desde coñecementos de cultura xeral ata os últimos lanzamentos, sen esquecer un percorrido pola xeografía galega, a nosa historia identitaria e os monumentos e vilas que nos fan únicos.

Só unha delas chegará á proba definitiva, o minuto final. Se consegue responder correctamente ás cinco cuestións que o integran, levará o premio acumulado. Como principal novidade, esta edición premiará tamén a quen acade esta fase con 100 euros por cada acerto, mesmo se non logra completar o reto por completo. O premio inicial partirá dos 10.000 euros e irá aumentando programa a programa ata que alguén consiga facerse con el.

O encargado de conducilo, asumindo o legado doutro clásico da grella da TVG, Paco Lodeiro, será Rodrigo Vázquez, despois do éxito de audiencia que supuxeron as recentes emisións especiais durante as festas. Un desafío que afronta, segundo explica, «moi ilusionado» e coa certeza de que «o público vai gozar, vai aprender e vai divertirse. A intención é ofrecer case unha hora de compaña na que os espectadores se sintan como na casa».

«Gustaríanos que imaxinasen que o seu salón é unha extensión do plató e que sigan o Atrápame, rían, bailen e mesmo sufran cos concursantes», asegura Vázquez, que se amosa «encantado» ante a posibilidade de entregar o seu primeiro premio como presentador do coñecido formato. Unha idea que podería facerse realidade, xa que Voz Audiovisual retoma a produción deste emblemático programa e convida aos galegos a vivir a experiencia desde dentro. Quen queira participar só terá que enviar unha mensaxe de WhatsApp ao número 618 388 087 cos seus datos de contacto.

Con este regreso en horario vespertino, Atrápame se podes busca volver consolidarse na grella da Televisión de Galicia no eido do entretemento diario. E mesmo facer de novo historia. A piques de cumprir as 1.000 emisións, na súa anterior etapa, o concurso entregou o maior premio da historia da canle autonómica. O 11 de setembro de 2023, o coruñés Iván Pantín acadou 101.800 euros. «Quero vivir algo así no mesmo plató canto antes, que veñan polo premio», sentencia o novo presentador.