Unha reflexión sobre as epidemias
27 mar 2020 . Actualizado a las 05:00 h.Sempre houbo pestes, ou como di o dicionario: «Graves doenzas infecciosas e contaxiosas que causan gran mortaldade entre homes e animais». Pero neste século XXI estamos a asistir a vagadas delas. E a pragas, que vén sendo sinónimo. Para combater pestes e pragas empregouse en Occidente dende unha cruz en ristre, pasando polo lume ata o racismo, para chegar á medicina, que, por fin, é a solución actual. Pero pode que non sexa suficiente, sobre todo cando se trata de pestes descoñecidas. Todo o mundo di que estas ondadas son cousas da globalización e leva certa razón. A globalización antrópica ten efectos positivos, como poder coñecer o que se está a facer en calquera sitio do mundo que, pouco a pouco, ten que contribuír a camiñar cara á igualdade; pero tamén trae efectos devastadores.
Este fenómeno, empuxado pola voracidade da economía e como efecto do avance do home nos eidos do transporte e da comunicación, está a cuestionar a creación artificial das fronteiras e cabe a posibilidade de que evolucione cara á súa eliminación ou, pola contra, cara ao seu reforzamento. No campo do medio ambiente hai tempo que, dentro da teoría do caos, vense falando do efecto mariposa que vén a dicir, máis ou menos, que se ocorre unha perturbación nun sistema, por pequena que sexa, pódese transmitir e provocar cambios noutro, sen respectar esas fronteiras. E entre os efectos devastadores, dende hai moito, estamos a asistir, foron avisos, á chegada de pestes procedentes doutros territorios, aceleradas polo ir e vir dos humanos, sen que esteamos preparados para evitar as súas consecuencias, incitadas inconscientemente cando compramos en Amazon, en vez de na tenda da esquina. Foron, están a ser, avisos de que hai que adoptar medidas efectivas diante de organismos que no seu medio orixinal non son danosos, pero que unha vez que se expanden provocan pestes.
Desde sempre fálase de pragas que nos van asolando. Sen necesidade de facer memoria e citando as coñecidas popularmente, pódense nomear a peste porcina, a peste aviar, as vacas tolas, a SIDA, o évola. Pero tamén de que podemos ver os montes inzados de acacias ou de eucaliptos, que queren substituír o autóctono ou visóns polos regatos. Ou do picudo roxo, comestible por certo, que chegou da Asia tropical para acabar coas palmeiras que tanto fuste daban a pazos e paseos. Ou da psila africana que acaba cos cítricos, ou desa eiruga, a Cydalima perspectalis, que veu da China e que nestes días empeza a comer vorazmente os nosos buxos. Ou da avéspora velutina. Ou, agora mesmo, deste COVID-19 que, malia tanto aviso e tanta advertencia, colleunos desprevidos e tan sen medios básicos de defensa que nos obriga a preguntarnos ata sobre a nosa capacidade industrial, loxística, ou de xestión.
É necesario reflexionar sobre estes fenómenos co obxectivo de preservar ao noso medio, e, seguramente, a nós mesmos. Menos présa.