Alberto Castro: «Os meus coitelos son pezas de arte»

SOCIEDAD

Santi M. Amil

Chegou ao mundo da artesanía case por casualidade, e apenas unha década despois elabora produtos de alta gama con prezos que andan polos 400 euros e que vende a coleccionistas de toda Europa

02 oct 2019 . Actualizado a las 11:19 h.

O bisavó e o avó foran ferreiros, pero Alberto Castro (Vilamartín de Valdeorras, 1980) non chegou coñecelos. Sabía que na casa o pai aínda conservaba a bigornia herdada, pero pouco máis contacto tiña co oficio. Ata que hai uns dez anos, «de rebote», como el mesmo di, comezou a interesarse polo mundo da coitelería. «Eu era afeccionado a andar polo monte, cos cans; e sempre levaba un coiteliño comigo para facer o bocata, pero non atopaba un que me gustase», lembra. Viu que había xente que facía os seus propios coitelos, e coincidiu que tiña tempo libre, así que decidiu recuperar a vella bigornia, montou unha pequena fragua e púxose a practicar. Conta que a formación foi un proceso de anos, de buscar moita información a través de Google, de investigar diferentes técnicas... e despois, de moito ensaio-erro ata dar co resultado buscado.

Castro diferenza entre dous tipos de artesáns: o tradicional, «que facía o típico coitelo de feira, con materiais e manufactura moi sinxelos, con rendemento e prezos baixos, como o meu avó, que era unha actividade de subsistencia»; e o moderno, «que quere levar a artesanía a cotas máis importantes». Métese a el neste último grupo. Di que os seus coitelos non son só unha ferramenta de uso, «senón unha peza de arte». Busca, asegura, «subir a artesanía a onde non debería ter baixado nunca, buscando a máxima calidade en técnica e materiais para facer obxectos de valor, non só obxectos de usar e tirar». Explica que as súas creacións «valen cartos, gasto moito diñeiro en materiais e o círculo de compradores é reducido; entrarían no mercado tipo xoia». Ao prezo dos materiais hai que engadir as horas de traballo, así que unha peza pode andar polos 400 euros. Non é para todos os petos. «Os clientes son sobre todo coleccionistas que buscan deseños exclusivos, pezas que en moitos casos incluso se revalorizan co paso do tempo, segundo o artesán vai gañando fama internacional», conta.

Comezou co coitelo deportivo, o de caza e o de supervivencia; e despois pasou tamén ao campo das navallas de afeitar. Agora, ademais, trata de facerse un oco no mundo da alta cociña. Dálles forma no seu obradoiro en Vilamartín de Valdeorras, onde ten dúas fraguas (de propano e de carbón), forno eléctrico para temperar... «Estou en contra dos automatismos, nas miñas creacións non hai unha soa peza prefabricada pola industria, todo o fago eu; pero a favor de usar ferramenta moderna», remarca. E engade: «A maneira de garantir que todo estea perfecto é que eu controle o proceso desde cero».

Castro comparte as horas na fragua co tempo no Hospital Comarcal de Valdeorras. «A enfermería gústame, e ademais estamos nun momento complexo, cunha situación económica que manda ser prudentes», sinala. E explica: «Un coitelo de 300 ou 400 euros cómprase porque a xente goza comprándoo e usándoo, pero é prescindible, así que hai que ter coidado. Polo momento prefiro limitar a miña produción, aumentar a calidade e meter técnicas novas; e manterme a dúas bandas».

Os clientes

A maioría dos clientes chegan a Alberto Castro a través de Internet, aínda que tamén vai a feiras especializadas. Vende sobre todo na Península, en Francia, Italia, Reino Unido e Bélxica.