Trescentos quilómetros de (des)memoria feminina

Están, pero fragmentadas, espalladas. Ocultas. Os arquivos públicos de Galicia conteñen tamén a historia das mulleres, pero hai un ermo no que a perspectiva de xénero se refire. Así o constata un informe do Consello da Cultura: na maioría da Historia, «Anónimo» segue a ser unha muller


Santiago / La Voz

A famosa cita de Virginia Woolf di que na maioría da Historia, Anónimo é unha muller. Os arquivos de Galicia teiman en darlle a razón á escritora e pensadora feminina. A memoria das mulleres está, claro que está, ao longo deses trescentos quilómetros de historia galega. Pero está espallada, fragmentada. Oculta. «Descubrimos cousas que intuitivamente xa sabiamos». Dolores Pereira é unha das tres autoras do Informe sobre os arquivos públicos de Galicia. Unha perspectiva de xénero e feminista. Constata o estudo que a de arquiveira é unha profesión fundamentalmente feminina -case oito de cada dez son mulleres-, que os arquivos hexemónicos custodian fundamentalmente a memoria dos homes, na que permanece, aínda que diluída, a das mulleres, invisibilizadas nas propias fontes

 «Foi decepcionante saber que nos modelos de descrición arquivística, que é o que permite acceder ás usuarias e usuarios, non está recollido en ningún momento que se desagreguen os datos por sexo», dicía Olimpia López, outra das autoras dun informe que é pioneiro e que revela un incumprimento das leis de arquivos, de igualdade e de transparencia. Por exemplo, cando intervén unha persoa, como moito ponse o nome, pero en ningún sitio hai posibilidade de marcar que sexa unha muller ou un home». Asi que se entorpece a investigación con perspectiva de xénero, xa que a única opción que pode quedar é a de ir consultando todos os nomes para saber se son homes ou mulleres.

«Por outra banda, podemos falar das linguaxes controladas, que son claramente desequilibradas». Non hai equivalencia para buscar información sobre os homes e as mulleres. «Foi sorprendente que ninguén teña reflexionado sobre isto» ata agora. O único que existe é un borrador dun modelo internacional de normas de descrición a través da Unesco. Nese borrador hai un primeiro esbozo de que cando se fala de persoas, se pode poñer unha marca de xénero. Porén, no documento que está elaborando o Ministerio de Cultura, o modelo de descrición, que se incorporará a todos os modelos informáticos, non hai esa posibilidade marcar cuestións de xénero. 

Tamén teñen comprobado as autoras que hai unha linguaxe sexista. «Nos buscadores do ministerio, se buscas mulleres, as respostas son: mulleres casadas, viúvas... E os homes si aparecen: gentilhombres de cámara», explicaba Dolores Pereira. E non hai unha equivalencia. Non hai como resposta á procura homes casados

A lei también ordena o uso dunha linguaxe inclusiva. «E non se fai», explica Olimpia López. «A linguaxe inclusiva está en construción». María Xosé Porteiro, coordinadora da Comisión de Igualdade do Consello da Cultura, salienta que «un dos xeitos de facer un traballo de inclusión é isto. As mulleres aparecemos en función da nosa relación cos varóns: se somos fillas, curmás, herdeiras... Iso é un criterio tan desigual que o mero feito de que desapareza é importante». Despois está a linguaxe inclusiva en si mesma. «De momento non hai solucións científica ou lingüisticamente acordadas» pero estase traballando en dar opcións alternativas. Facer achegas. 

«Négome a dicir que sexa desalentador», afirmaba a presidenta do Consello da Cultura, Rosario Álvarez, durante a presentación deste informe. Non, porque este informe serve para dar o primeiro paso, saber, e para acudir ás institucións para reclamar, por exemplo, á posta en marcha dun Plan de Arquivos de Galicia, a inclusión de descritores de xénero e incluso que se contemple a perspectiva de xénero nos plans de estudo conducentes á profesión arquivística. «Non hai ningún plan de estudos que sexa construído dende unha perspectiva feminista», subliñaba Mariám Mariño, tamén autora do estudo. Iso significa que «a posibilidade de sensibilizarse é máis difícil».

Conoce toda nuestra oferta de newsletters

Hemos creado para ti una selección de contenidos para que los recibas cómodamente en tu correo electrónico. Descubre nuestro nuevo servicio.

Votación
44 votos
Comentarios

Trescentos quilómetros de (des)memoria feminina